A hostalería segue sentíndose sinalada, prexudicada e farta da discriminación ao lecer nocturno
O descenso da incidencia acumulada de positivos por covid-19 en Galicia e a mellora da situación epidemiolóxica na maioría dos Concellos galegos levaron ao comité clínico de expertos a relaxar as restricións que durante as últimas semanas levaba soportando o sector da hostalería, que ve agora incrementado a porcentaxe dos seus aforos máximos. Unhas concesións que non satisfán ao colectivo, moi molesto coa xestión da pandemia por parte da Xunta.
Nun comunicado difundido pola Plataforma da Hostalería Galega, que representa a 4.000 empresas e asociacións de hostaleiros de numerosos municipios, o sector asegura seguir sentíndose sinalados como responsables dos contaxios por parte das autoridades. "Sinálannos novamente, a pesar de que os datos científicos poñen a luz nas xuntanzas e alternativas de ocio en espazos privados, que aumentan proporcionalmente ás restricións de capacidade e horarios que se lle impón ao noso sector", replican.
A anulación por parte da Xustiza dos certificados covid representa outro punto de fricción entre ambas as partes. Os hostaleiros non se negan a utilizalos pero "a imposibilidade de contrastar a veracidade do documento faino inservible desde o punto de vista clínico", argumentan. Por iso reclaman á Xunta que "se nos dote das ferramentas necesarias para executala con garantías legais e de maneira eficiente". E insisten en que son os propios profesionais os máis interesados en "buscar fórmulas que garantan a posibilidade de interiores seguros, que nos permitan traballar no 100% das capacidades que legalmente establecen as nosas licenzas".
A falta de interlocución co goberno autonómico tamén enfada aos integrantes desta Plataforma constituída en plena pandemia para dar voz a un sector amplo e plural. "Non coñecemos nin se fan públicos os acordos aos que teoricamente se chega cunha representación mínima do sector", protestan. Por iso reclaman a creación dunha mesa de diálogo e puntualizan que se resulta imposible chegar a un acordo que permita exercer o seu dereito ao traballo, "se poña enriba da mesa un plan de indemnizacións reais".
Conclúen o seu comunicado pedindo que se deixe de distinguir entre lecer nocturno e hostalería e que todos os negocios poidan exercer a súa función baixo argumentos estritamente sanitarios. Solicitan tamén que as terrazas poidan funcionar ao 100 % da súa capacidade en calquera dos niveis de risco e o uso das barras cunha limitación do 75 % sempre que o cliente estea sentado e respecte a distancia de seguridade.
Sobre as capacidades máximas permitidas en función do risco no que se sitúe cada concello, os hostaleiros reclaman que os interiores estean ao 100 % cando o nivel sexa medio-baixo, ao 75 %, en nivel medio; e ao 50 %, en niveis alto e extremo.
Con todo, durante a súa comparecencia o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou que nos concellos en nivel máximo os establecementos hostaleiros continuarán pechados no seu interior e terán un aforo máximo do 50% do seu exterior; e no caso dos locais de lecer nocturno, permanecerán tamén pechados no interior e poderán ter un aforo do 75% no exterior.
Nos concellos en nivel alto, establécese o 30% de ocupación no interior e o 75% nas terrazas na hostalería en xeral e no caso do lecer nocturno haberá as mesmas medidas que en nivel máximo, pechados no interior e cun aforo do 75% no exterior.
No nivel medio, fíxase o 50% no interior e o 100% no exterior para a hostalería e no lecer nocturno haberá tamén un 50% de aforo en interior e menos, o 75%, nas terrazas.
En nivel medio baixo, nos establecementos de hostalería o aforo fíxase no 75% no interior e o 100% nas terrazas e no lecer nocturno o interior dos establecementos quedará limitado ao 50% e permitirase o 100% no seu exterior.
O conselleiro lembrou que os grupos de persoas no interior limítase a un máximo de 6, e a un total de 10 persoas no seu exterior.
Relacionadas:
-
A Xunta e hostaleiros pechan un acordo de apertura estable do sector
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Este venres a hostalería nocturna emprende unha reactivación "psicolóxica máis que económica"
Por Redacción |
-
1.211 casos activos, segue a curva descendente de infeccións na área sanitaria
Por Redacción |
-
Tan só catro concellos da área sanitaria seguen en nivel alto: O Grove, Bueu, Ponte Caldelas e Meis
Por Natalia Puga |
-
O TSXG denega a petición da Xunta de pedir o certificado covid na hostalería
Por Oskar Viéitez |