Sen motivos para a relaxación con 63 pacientes con covid-19 nas UCI galegas, un de só 16 anos
Por Natalia Puga
A incidencia acumulada de casos positivos de covid-19 continúa cunha "evolución favorable" en Galicia, situándose nestes momentos en 166 casos por cada 100.000 habitantes a sete días e 426 a 14, con tendencia á baixa en todas as áreas sanitarias. Fálase de importantes baixadas, do 34% e do 24% con respecto aos datos da semana pasada. E, con todo, non hai motivos para a relaxación.
Así o sinalaron este mércores o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o xerente do Sergas, José Flores, que deron conta da reunión do comité clínico de expertos que asesoran á Xunta de Galicia na xestión da pandemia.
José Flores indicou que se continúa mantendo a tendencia de baixada en todos os niveis asistenciais, pero García Comesaña quixo chamar a atención sobre a situación das unidades de críticos, pois nas UCI dos hospitais galegos hai 63 pacientes -4 deles no Hospital Montecelo de Pontevedra- e algúns deles moi novos. O paciente de menor idade hospitalizado nunha destas unidades ten tan só 16 anos.
"Non acabamos de ver esa baixada tan ansiada na ocupación da UCI", recoñeceu o titular de Sanidade, que indicou que a persoa de maior idade nestes momentos nunha UCI galega ten 68 anos e hai pacientes en estado crítico con covid-19 de 20, 23, 28, 30, 31 e 35 anos. Con estes datos, "non podemos baixar a garda".
O integrante do comité clínico Pedro Rascado, xefe da UCI do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela chamou a atención sobre o feito de que moitos dos pacientes que están críticos non pensaron que acabarían nesta situación pola súa mocidade e por carecer de patoloxías previas, pero o seu estado grave de saúde demostra que "lle pode ocorrer a calquera".
Si melloran as cifras en parámetros como o número reprodutivo instantáneo, pois na actualidade todas as áreas sanitarias galegas están por baixo de 1. Tamén na taxa de positividade, que queda situada ao redor do 9.5%.
O comité clínico fai unha chamada á precaución e tamén a que se asista ás probas de autotest para axudar a detectar casos asintomáticos e, desta forma, frear a expansión.
Relacionadas:
-
Aumentan os contaxios diarios detectados tanto na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés como en Galicia
Por Redacción |
-
1.211 casos activos, segue a curva descendente de infeccións na área sanitaria
Por Redacción |
-
Sanidade empezará a vacinar a próxima semana aos menores de 14 a 16 anos
Por Natalia Puga |
-
Tan só catro concellos da área sanitaria seguen en nivel alto: O Grove, Bueu, Ponte Caldelas e Meis
Por Natalia Puga |
-
Progresa o descenso de casos activos e de persoas ingresadas por covid-19 nas Rías Baixas
Por Redacción |