As xornadas 'Sanxenxo na Historia' distinguirán ao secretario xeral de Política Lingüística
Por Redacción
Os próximos días 26, 27 e 28 o Pazo Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo acollerá a duodécima edición das xornadas 'Sanxenxo na Historia' e que abordan cada ano no calendario estival a riqueza patrimonial e natural do municipio.
Ademais, na xornada do sábado 28 farase entrega do galardón 'Sanxenxo na Historia' ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez. Un recoñecemento co que "se premia a súa dedicación e implicación coa cultura e lingua galega, así como o seu apoio nas actividades desenvolvidas nos distintos ámbitos culturais do municipio".
O xoves 26 a mesa redonda 'O Sanxenxo Prehistórico: O Chan da Gorita' estará moderada por Angeles Marcos e contará como relatores con Carlos Pascual Vázquez que falará de 'Historia descuberta e catalogación das mámoas' e Antonio de la Peña Santos cunha intervención sobre 'Dolmens e enterramentos prehistóricos no Chan da Gorita”.
O venres 27, a segunda mesa redonda 'Faise camiño ao andar: roteiros de Sanxenxo' estará moderada por Carmen Outón e contará con Diana Fernández Soutullo - da asociación Andarela - que falará de 'Roteiros Naturais de Sanxenxo' e Rafael Fontoira Surís sobre 'Roteiros pola capelas sanxenxinas'.
Xa o sábado 28 o coloquio 'Sanxenxo no século XIX: homenaxe a Emilia Pardo Bazán', estará moderado por Marcelino Agís - presidente da Asociación de Estudos Locais de Sanxenxo - e contará coa intervención de Celestino Viéitez para falar sobre 'Sanxenxo e Pontevedra durante a Guerra da Independencia' e Isidoro Sabell sobre 'Personaxes da Política Nacional en Sanxenxo'. As tres sesións comezarán ás 20.00 horas.