"As ratas cómennos os cables, quedamos sen Internet e quedaremos sen luz", denuncia unha veciña da Urbanización Fuentesanta
Por Mónica Patxot & María José Pita
Entrar na Urbanización Fuentesanta, próxima ao Hipermercado Carrefour de Salcedo, convida á calma. Tras arrodear o novo edificio da Asociación Xoán XXIII en Campolongo accedemos a unha sucesión de chalés con xardín situados en rúas con nomes de artistas históricos de Pontevedra: escultor Acuña, e os fotógrafos Pintos e Zagala.
Na rúa do fotógrafo Zagala agárdanos Mariló Lorenzo, residente nesta urbanización desde hai 14 anos. Ponlle voz aos seus veciños para explicarnos que, aínda que as casas estean perfectamente coidadas, a zona presenta carencias que nos últimos tempos lles provocaron graves prexuízos.
Un dos puntos críticos atópase nas canchas de tenis, unha instalación pública desde que o Concello de Pontevedra recepcionou a obra hai 7 anos e nas que non realizou ningún labor de mantemento. Tal é a deterioración desta área deportiva que podería chegar a producirse un accidente. Como exemplo, as mallas que rodean as pistas de tenis soltáronse dos tubos que as suxeitaban e, oxidadas, caen mesmo cara ao exterior, con perigo de desprendemento en días de vento forte.
Outra das zonas de risco localízase nun terreo extenso que discorre xunto ás vías do tren e que se separa da urbanización cun enreixado. Esta parcela pertence a Adif que, desde hai anos, insiste Mariló Lorenzo, non a limpa nin roza. O único movemento recente foi o depósito de troncos de madeira que os veciños descoñecen de onde proceden, temen que vaia a máis e cuestionan se é legal almacenalos nunha zona susceptible de sufrir un incendio. Ademais, a mesta vexetación provocou a proliferación de todo tipo de bicherío e roedores, que se unen ás ratas que abundan na rede de sumidoiros e que provocaron avarías nas subministracións.
"As ratas dos sumidoiros cómennos os cables, quedamos sen Internet e quedaremos sen luz. Só pedimos que o lle corresponde ao Concello, como zonas que son deles, que as coiden, debido a que nós como cidadáns cumprimos pagando os nosos impostos", reclama Mariló Lorenzo á vez que sinala que pola súa propiedade paga 1.200 euros de IBI e a súa veciña de en fronte 2.400, ao ter unha parcela dobre. Considera que é unha cifra elevada xa que non gozan dos mesmos servizos que outros barrios de Pontevedra.
O problema da rede de sumidoiros, comenta Mariló Lorenzo, únese á falta de visitas periódicas por parte dos servizos municipais para retirar os entullos e diversos aveños que a miúdo aparecen xunto aos contedores ou nas rúas circundantes. "Pode haber catro colchóns, váteres, mobles dunha casa deshabitada que baleiraron o outro día, ou materia orgánica de podas tirada, non en bolsas. Só pedimos que se atenda a esta zona, porque é moi bonita pero está completamente abandonada. E tamén se deprecian as nosas casas".
Esta semana, Lorenzo empezou a facer públicas as demandas dos veciños da Urbanización Fuentesanta e, de momento, as brigadas municipais xa pasaron a recoller esta última remesa de lixo, despois de meses de espera. Pero a veciñanza teme que en pouco tempo a situación volva empeorar.
O último contacto co Concello de Pontevedra foi unha reunión da asociación de veciños co alcalde, pero sen lograr ningún acordo. Como solución, propoñían que as pistas deportivas e os xardíns que recepcionou o Concello e que se atopan totalmente abandonados sexan de novo asumidos polos veciños, en réxime de cesión polo tempo que se determine, e deste xeito faríanse cargo do acondicionamento coma nos inicios, contratando aos operarios da Asociación Xoán XXIII. Neste sentido, Mariló pon como exemplo a zona comunitaria da urbanización, que conta cun local social, piscina e xardíns perfectamente coidados. Con todo o Concello non aceptou esta proposta.
Fuentes municipais consultadas por PontevedraViva informan de que, en efecto, esta semana realizouse unha inspección da zona e retirada de residuos. En canto a outros labores de mantemento, confirman que estes vanse a realizar pero sen data determinada.