Indignación pola presenza de cascallos de obra en contedores de lixo doméstico
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda, amosou este venres a súa indignación pola aparición de cascallos de obra dentro de contedores de lixo doméstico. Estes residuos aparecer espallados por varias zonas do municipio e, ante o seu achado, o rexedor lembra que se trata dunha práctica totalmente prohibida.
Jorge Canda sinala que estes cascallos de obra provocan danos nas máquinas de recollida e tratamento e, ademais, depositalos é unha práctica irregular e as persoas infractoras poden chegar a ter unha sanción.
"Ademais de non ser o xeito adecuado para desfacerse deste tipo de residuos, ao tiralos aos contedores de lixo doméstico poñen en serio risco o funcionamento das máquinas dos camións e das tolvas de procesado dos refugallos provocando serias avarías e de cuantioso custo para a súa reparación", explicou o alcalde a través dun comunicado.
O rexedor tamén lembra que no municipio hai un Punto Limpo cun horario moi amplo para poder atender a recollida de voluminosos e de pequenos cascallos procedentes de reparacións domésticas.
Despois do achado destes cascallos, e unha vez que se constatou que non é un feito illado, o Concello intensificará a vixilancia na contorna dos contedores de lixo co fin de localizar os autores e evitar esta práctica.
Por outra banda, o Concello da Lama está a detectar un depósito desproporcionado de voluminosos na vía pública que representa un problema importante desde o punto de vista estético e de operatividade.
O Concello ten habilitado un teléfono de recollida domiciliaria destes elementos (986 76 82 38) para avisar da recollida e prega á poboación que o empregue.