Este venres a hostalería nocturna emprende unha reactivación "psicolóxica máis que económica"
Por Redacción
Na medianoite deste venres 20 os establecementos de hostalería incluídos no epígrafe de lecer nocturno abrirán o interior dos seus negocios coa metade do aforo permitido e ata as 03.00 horas da madrugada. Unha reapertura que se producirá practicamente un ano despois do breve lapso de tempo en que puideron facelo durante o verán pasado e ao que precedeu o cerrojazo desde marzo.
Trátase dunha reactivación "psicolóxica máis que económica" sinala Daniel Lorenzo, presidente de Hoempo e propietario do pub A Pomada, onde se fixo un proba piloto o pasado mes de xuño. Ata chegar a este momento, algúns quedaron no camiño e non poderán reabrir.
"Agora xa non é cuestión só de rendibilidade é que psicoloxicamente necesitamos traballar. Xa é máis por saúde que por rendibilidade porque cos aforos permitidos é moi complicado facer viables os nosos negocios. Co 50% de capacidade non imos cubrir gastos, pero estamos preparados, queremos facer que rexurdan os nosos negocios e non queremos deixar morrer algo tan importante para a sociedade como é a hostalería nocturna" explica mentres traballa nos preparativos para esta noite.
Dentro deste sector, os negocios que dispoñían de terrazas puideron ir rabuñando as restricións. A este respecto, Daniel Lorenzo matiza que "non é comprensible que se teño unha terraza cunha licenza de hostalería nocturna, permitan o 75% de ocupación e outro negocio anexo poida tela ao 100%. Non hai forma de interpretalo, eu quero pensar que foi unha equivocación e que hoxe cando salga o DOG virá modificado".
Para que esta actividade nocturna siga aberta hai unha circunstancia que tamén é fundamental: o comportamento do público. Por iso, insta que "sexan comprensivos porque os aforos están moi limitados e posiblemente non poida entrar todo o mundo. Así que por favor, que non xeren aglomeracións na rúa porque iso será prexudicial para todos e que manteñan a máscara posta. Queremos facer as cousas moi ben e necesitamos a axuda dos nosos clientes".