O polígono de Barro suma unha nova empresa e aproba dúas licenzas de construción
Por Redacción
A empresa de transporte de pescado e marisco fresco Transfrío Rías Baixas S.L. vén de facerse coa titularidade da parcela A-17 do polígono empresarial de Barro, que viña ocupando cunha concesión de dereito de superficie dende 2018. O deputado provincial de Réxime Interior Carlos López Font asinou cos empresarios en Notaría o acordo de compravenda desta parcela, de preto de 3.000 metros cadrados, cuxo prezo ascende a máis de 370.000 euros.
A firma viguesa conta na actualidade, segundo informa no seu portal web, con máis de 250 vehículos, que cubren 80 rutas a través das que cada día achegan os produtos do mar desde a maioría dos portos da Península aos mercados máis importantes da xeografía española, Portugal, Francia ou Italia.
NOVAS LICENZAS DE CONSTRUCIÓN
A Xunta de Goberno local de Barro celebrada este venres deu luz verde á licenza solicitada pola empresa Artesa Rías Baixas S.L. para a construción dunha planta de transformación, envasado, almacenamento e expedición de produtos de pesca no polígono de Barro.
A nave de Artesa Rías Baixas S.L. vaise instalar na parcela E-10 do polígono, que conta cunha superficie de 2.145 m². Nesta parcela van edificar unha nave de 1.729,30 m² de superficie construída cun orzamento de execución material de 1.322.411,80 euros.
A licenza de Artesa súmase á concedida polo concello de Barro a Panaderías Acuña a semana pasada e que posibilitará que inicie en pouco tempo a construción do seu novo obrador nunha parcela de 4.000 m² e no que traballarán entre 50 e 60 persoas.
O Alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, afirma que "a consolidación do noso principal polígono como destino de empresas limpas e dos sectores da alimentación e dos servizos é un obxectivo que se está cumprindo a un ritmo alto". O rexedor tamén sinala que "desde o concello axilizamos ao máximo todos os trámites para que as empresas que apostan por asentarse en Barro poidan ter toda documentación preparada na maior brevidade posible e facilitarlle así o seu asentamento no noso municipio".
EMPRESAS DE REFERENCIA
Na actualidade, o polígono empresarial de Barro ten unha ocupación efectiva do 67% da súa superficie sobre un total de 258.436 metros cadrados. Están ocupadas 50 parcelas, onde están a traballar unha vintena de empresas, e restan outras 26 parcelas por vender.
Entre as empresas que están instaladas no polígono de Barro figuran Grupo Froiz, Frutas Moncho, Mariscos Alumar, Mafari Café, Panaderías Acuña, Caenor, EDF Solar, Gasóleos Xeve, Gescogra, González Cerqueiro, Hijos de Rivera, José B. González Villaverde, Novas Rías, Rafael Díaz Buceta, Balvalén, Áridos de Curro, TC Group Atlántico, Transfrío Rías Baixas SL ou Artesa Rías Baixas.
Relacionadas:
-
Unha comercializadora de electricidade 'verde' instalarase no polígono de Barro
Por Redacción |
-
Xa se poden recargar coches eléctricos no Hiper Froiz
Por Redacción |
-
Barro concede a licenza de construción a Froiz para construír o seu centro loxísitico
Por Redacción |
-
Seis novas empresas se instalan no viveiro de Barro
Por Redacción |
-
Barro concede a EDF-Solar a licenza para a construcción do seu centro tecnolóxico
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
Froiz e EDF Solar formalizan a adquisición dos terreos no Polígono de Barro
Por Redacción |