A nova biblioteca municipal de Vilagarcía custará 1,8 millóns de euros
Por Redacción
A Biblioteca Municipal que se vai habilitar nos locais adquiridos polo Concello de Vilagarcía ao Liceo Casino no edificio da Rúa Castelao precisa un investimento de 1.768.042,71 euros.
Así o deu a coñecer este sábado o Concello de Vilagarcía, que dispón xa do proxecto de Reforma de Local e xa buscou liñas de financiamento alleas que permitan desenvolver a obra co menor custe posible para as arcas municipais.
O 70% do orzamento (un total de 1.237.629,90 euros) financiarase a través do Reacpon, o programa extraordinario creado pola Deputación para a recuperación post-covid. En consecuencia, o Concello só terá que achegar 530.412,81 euros de fondos propios.
A solicitude de adhesión ao programa Reacciona da Deputación foi aprobada na Xunta Local de Goberno, ao igual que os proxectos básicos e de execución da obra. Polo tanto, unha vez confirmada a subvención, o Concello xa estará en disposición de sacar a licitación a obra, que ten un prazo de execución de 12 meses.
O proxecto básico e de execución contratado á empresa Redondo, Valladares e Rodríguez Arquitectos S.L.P. prevé a demolición da práctica totalidade da tabiquería que compartimentaba os espazos do Liceo-Casino, para acoller a nova distribución, moito máis aberta e interrelacionada.
Os locais da antiga sede do Casino suman unha superficie total de 1.482 metros cadrados repartidos en 1.274 metros de superficie interior e 208 exterior (terraza e patios). As dependencias distribúense en tres niveis: baixo, entreplanta primeira e entreplanta segunda.
Relacionadas:
-
Polo Día do Libro, Vilagarcía estreará biblioteca
Por Redacción |
-
Adxudicada a Obras Gallaecia a construción da nova biblioteca de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Unha biblioteca coa que Vilagarcía quere "estar á altura do século XXI"
Por Redacción |
-
A concesión de 1,2 millóns euros da Deputación permite a acelerar o proxecto da nova biblioteca de Vilagarcía
Por Redacción |