Un microchip nos contentores delatará aos veciños que non reciclen
Por Oskar Viéitez
Quen recicla, aforra; esta é unha máxima que coñecen ben en todos os concellos. Sobre todo aqueles que sufriron o sobrecusto que supón para as arcas municipais o non separar os residuos orgánicos dos plásticos, o papel ou o vidro.
Un microchip instalado nos contentores dos concellos que se adhiran ao consorcio provincial para a xestión da recolleita de lixo controlará o número de toneladas xeradas por cada un deles.
Ademais dunha taxa fixa por vivenda e ano, impoñerase outra ponderable
Así o explicou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, tras anunciar que o vindeiro mércores, día 7, o organismo provincial convocará aos alcaldes para explicarlles as tarifas previstas para este consorcio e aclararlles todas as dúbidas.
Á cita acudirán representantes de 40 dos 62 concellos da provincia que adiantaron a súa intención de adherirse a este Consorcio provincial que entrará en funcionamento o ano que vén.
O servizo provincial de recolleita de lixo non só bonificará a separación de residuos. Tamén penalizará con maiores cotas a aqueles municipios que xeren máis residuos.
Deste xeito, ademais dunha taxa fixa por vivenda e ano, impoñerase outra ponderable na que se terá en conta a relación entre o número de habitantes e o volume de lixo que estes xeran diariamente.
Louzán recordou que canto máis se recicle, "canto máis separemos, máis beneficios económicos e medioambientais haberá".
Louzán tamén sinalou que se farán recortes tanto nos medios humanos como nos medios materiais para axustalos á realidade de cada municipio.
A recolleita farase dúas veces por semana nas zonas do rural e cinco nas urbanas
Actualmente operan 145 persoas neste servizo. Destes 85 son laborables polo que se negociaría a súa situación con eles, mentres que o resto son funcionarios co que pasarían a outras actividades municipais.
Ademais preténdese prescindir do 40 % dos camións que se utilizan actualmente e que teñen máis de 15 anos para funcionar cos 36 restantes.
O servizo tamén gestionará os 19 puntos limpos existentes nos concellos.
Os cobros realizaranse unha vez cada semestre a través do ORAL como está facendo ata agora a Deputación.
O presidente provincial explicou tamén que a recolleita farase dúas veces por semana nas zonas do rural e cinco nas urbanas.