Expectación ante a retirada dun enxame de abellas na praza da Verdura
Por Mónica Patxot & María José Pita
Namentres a Festa do Demo discorría polas rúas do centro histórico, a escasos metros, na praza da Verdura, unha chea de curiosos e turistas detíñanse ante o operativo especial montado pola Policía Local de Pontevedra para a retirada dun enxame de abellas que se aloxara nunha das árbores deste espazo de "terraceo".
A alarma saltou na tarde do domingo, segundo nos relata Delei Sánchez, do establecemento Os Maristas, xa que foi nunha árbore sobre as mesas da súa terraza onde se detectou a presenza do enxame. "Hace cuatro días una compañera se dio cuenta de que había unas avispas pero no nos fijamos de dónde salían, y ayer domingo ya nos dimos cuenta porque unos clientes se quejaron de que había algunas más abajo. Llamamos a la policía, evaluaron, y después vinieron los bomberos, también evaluaron y quedaron en volver", explica Sánchez.
Para sorpresa do persoal deste local situado na parte alta da praza, preto da Casa da Luz, pola mañá a contorna da árbore aparecía precintada pola Policía Local, o que lles obrigaba a reducir 6 mesas do seu aforo na terraza. E cando xa tiñan o resto das mesas colocadas, apareceu sen aviso o operativo para retirar o enxame e volta a desmontar.
A explicación é que o día anterior o apicultor se achegou á zona para recoller o enxame pero non contaba coa elevada altura á que se atopaba, polo que houbo que agardar para rematar o traballo. Neste punto, cómpre indicar que o enxame non era perigoso e que dun xeito natural as abellas poderían desprazarse a outro sitio, caso ben distinto sería se se tratase dun niño de velutinas. Con todo, ao aparecer nunha zona urbana e tan concorrida, trasládase a otro lugar por precaución.
OPERACIÓN RÁPIDA E EXPERTA
Ao mediodía deste luns, un guindastre municipal, dous axentes da Policía Local e un apicultor procedían á operación de retirada do enxame. Unha tarefa que se complicou no inicio ao comprobar o apicultor que o enxame era máis voluminoso do que estimara. Por iso, con axuda dos comerciantes da zona conseguiron unha caixa de cartón coas dimensións axeitadas para introducir nela as abellas. Despois de ver varios tamaños, foi unha caixa da Farmacia Domínguez, cos bordos máis elevados, a elixida.
Co seu traxe de proteción, o apicultor ascendeu no guindastre aos aproximadamente 8 metros de altura aos que se atopaban as abellas, e cun cepillo foi arrastrando con suavidade todo o enxame ao interior da caixa. En apenas uns minutos concluía a tarefa.
ALARMA ANTE AS VELUTINAS
Malia que nun primeiro momento saltaron as alarmas entre os usuarios das terrazas da praza da Verdura pensando que se trataba dun enxame de avespas con presenza tamén de velutinas, a primeira inspección realizada na tarde do domingo confirmou que o enxame era de abellas comúns.
Estas abellas de mel serán trasladadas a unha colmea no rural de Pontevedra, ao igual que noutras actuacións que os responsables de Agrícola Roberto, a empresa encargada desta tarefa, fixeron noutros puntos da cidade. En concreto, confírmannos que dende a primavera, a época na que empezan a formarse os enxames, fixeron cinco retiradas máis no casco urbano: na rúa Benito Corbal, nova que se pode consultar en PontevedraViva, 12 de novembro, Altamira e no barrio de Monteporreiro.
Relacionadas:
-
Unha mensaxe de SOS enviado por erro mobiliza ao servizo de emerxencias no campus
Por Redacción |
-
Os bombeiros e un apicultor retiran un niño de abellas da fachada dun edificio de Benito Corbal
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Un enxame de abellas "desorientadas" provoca alarma na Praza do Hospital
Por Alejandro Espiño |