Alegan contra o parque eólico do Castrove polo seu "grave impacto" no municipio
Por Redacción
O goberno municipal de Poio xa remitiu á Xunta de Galicia as súas alegacións contra o proxecto do parque eólico do Castrove. O documento, elaborado de xeito conxunto por todos os grupos da corporación, está nas mans da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
O Concello reafirma a súa postura contra o proxecto, ao considerar que a instalación e posta en funcionamento do parque eólico suporía un grave impacto a nivel visual e paisaxístico.
Recordan que na contorna no que se prevé instalar o parque existen varias vivendas e núcleos de poboación, que tamén se verían seriamente afectadas.
O goberno municipal resalta, asemade, a forte oposición que existe contra esta actuación por parte da veciñanza, como así o demostran as preto de 600 alegacións que a Plataforma Non Ao Parque Eólico do Castrove entregou recentemente na delegación territorial da Xunta.
Os dirixentes municipais lembran que as persoas interesadas en alegar contra informe de avaliación ambiental do proxecto disporán de prazo ata o vindeiro venres 3 de setembro.
Desde o Concello de Poio tamén animan á cidadanía a tomar parte na andaina reivindicativa, organizada pola plataforma veciñal, que terá lugar o vindeiro domingo 29 de agosto, a partir das 11.00 horas, no Monte Castrove. A saída será desde a capela de San Ramón.
Relacionadas:
-
Andaina dende a Escusa en sinal de protesta polo Parque Eólico no Castrove
Por Redacción |
-
A APDR solicita a retirada do proxecto eólico no Castrove
Por Redacción |
-
Entregan á Xunta máis de cincocentas alegacións contra o proxecto eólico en Monte Castrove
Por Redacción |
-
A corporación de Poio ultima a elaboración da súa alegación conxunta contra o proxecto do parque eólico do Castrove
Por Redacción |
-
A plataforma veciñal "Non ao Parque Eólico do Castrove" convoca unha reunión aberta
Por Oskar Viéitez |