Tres mozos ameazan, insultan e fan unha pintada no coche dunha seguidora do Celta en Portocelo
Por Anxo Lourido
C. é unha moza, natural de Tomiño, que na tarde deste luns achegouse ata Marín para gozar cun grupo de amigos dunha xornada de praia. O seu vehículo, un Citroën C3, quedaba aparcado á altura de Portocelo mentres ela achegábase a outro areal da zona onde a esperaban as súas amizades.
A sorpresa da moza produciase, ao redor das 21.00 horas, cando tiña previsto retornar a casa no seu vehículo. Ao chegar ao estacionamento atopaba un rótulo coas siglas do Deportivo da Coruña sobre o adhesivo do Celta de Vigo que leva, desde hai anos, na parte traseira do seu turismo á altura da matrícula.
Xusto nese momento aparecen tres mozos subindo a costa da praia de Portocelo, con idades de ao redor de 25 anos. Comezan a insultala e a increpala polo escudo que loce no seu vehículo. "Mira, ahí está la gilipollas del C3 de mierda" foi o primeiro que dixeron en ton ameazante para, a continuación, situarse en posición paralela ao coche, desde a outra beirarrúa, para iniciar os seus berros: "puto Celta, puto Balaídos, sempre Dépor".
Pero, segundo relata C., a situación non quedou aí, senón que os tres mozos ameazárona: "te vamos a rajar", facendo o ademán de cruzar a estrada cando a vítima dirixiu a mirada cara a eles mentres bramaban con arrogancia: "mira la chorba esta, que nos mira con cara de mala hostia".
Os tres mozos ameazaron a seguidora do Celta: "te vamos a rajar"
En declaracións a PontevedraViva, C. sinala que se trataba de tres homes de ao redor de 25 anos de idade, un deles presentaba un golpe de grandes proporcións na cara e parecía ensanguentado. A moza considera que ningún deles ofrecía síntomas de atoparse baixo os efectos do alcol.
Ante o temor de que tentasen agredila fisicamente, a vítima decidiu subirse ao coche e emprender viaxe cara á súa casa en Tomiño. Inicialmente pensou en presentar unha denuncia en comisaría de Marín pero "por miedo no la puse", recoñece tras o mal corpo que lle quedou polo incidente vivido en Portocelo.
Horas despois, aínda non conseguiu borrar a pintada. "Pienso que un rotulador permanente normal no era, porque eso con alcohol sale", apunta para indicar que o seu pai levou o coche ao taller para ver se con pulimento é capaz de eliminar ese mal recordo.
"La pintura al final es la anécdota de todo esto, lo peor es el miedo que pasas. Así es la sociedad tolerante de hoy", indica con ironía esta moza que leva anos con ese adhesivo do Celta de Vigo no coche e viaxando ata a cidade da Coruña sen que nunca sufrise unha situación parecida. Esta mala experiencia vai obrigar a tomar unha decisión difícil: "voy a quitar la pegatina. Con pena, pero la voy a quitar", conclúe a seguidora celeste despois do susto causado polos tres desaprensivos.