A zona verde do Campo da Torre vai converterse nun parque de árbores con hamacas
Por Redacción
O arquitecto Víctor Hermo é o deseñador do proxecto que transformará a actual zona verde do Campo da Torre, situada no barrio de San Roque, nun parque con árbores e con prioridade para a natureza.
A concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe Iván Puentes, traballa neste proxecto que inclúe a renovación da fonte actual coa creación de pequenas canles de auga rodeándoa, a creación dun espazo de lecer infantil con estruturas para a escalar e troncos de madeira para o xogo e un espazo de descanso coa dotación de hamacas e cadeiras de madeira.
O tenente de alcalde Tino Fernández e o concelleiro Iván Puentes achegábase este mércores ata a zona acompañados pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, Víctor Hermo e o xefe do servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán.
A intención é potenciar o parque como un eixo do barrio converténdoo nunha zona accesible, saudable, onde se fomente a socialización e o encontro. Os elementos do parque infantil actual serán cambiados por outros naturais como troncos de distintas alturas que favorezan o xogo imaxinativo e a improvisación favorecendo os retos motrices como saltos, equilibrio ou escalada.
O prazo de execución do proxecto é de tres meses e o investimento previsto alcanza os 90.000 euros coa reforma das instalacións actuais e a dotación dun sistema de iluminación mediante báculos cilíndricos e proxectores desde o chan. A nova zona peonil incluirá un farol por cada banco e na zona de entarimado ancorarase o farol mediante formigón. Está previsto tamén que se establezan dispositivos eléctricos antivandálicos que permitan a conexión de usb para carga de móbiles e outros aparellos electrónicos.
Relacionadas:
-
Este é o proxecto de reforma do Campo da Torre que entra en fase de contratación
Por Redacción |
-
Melloras paisaxísticas e de seguridade para o Parque Maruxa Mallo, antes de 2022
Por Redacción |
-
Instalan céspede artificial para completar a renovación do parque infantil de Ricardo Portela
Por Redacción |
-
Campo da Torre e San Roque, próximos obxectivos da reforma urbana
Por Alejandro Espiño |