Fin ás filtracións no pavillón polideportivo do Toural
Por Redacción
O Concello de Vilaboa acaba de solucionar os problemas de filtracións de auga e outras patoloxías detectadas no pavillón polideportivo do Toural.
A entidade local rematou os traballos para a posta a punto do edificio grazas a unha achega de preto de 64.000 euros do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Os deputados provinciais Santos Héctor Rodríguez e Olga García e o alcalde de Vilaboa, César Poza, visitaron este xoves estas instalacións, construídas hai 28 anos, nas que se actuou con diversas obras para garantir a impermeabilización da súa envolvente e rematar así coas filtracións.
O proxecto incluíu a retirada dos canlóns de recollida de augas pluviais nas fachadas norte e sur e a reconstrución do remate superior de coroación do tellado mediante a instalación de chapa de aceiro galvanizado. Nestas dúas fachadas instalouse un novo canlón e baixantes polo exterior do inmoble, e acometeuse a reposición das chapas da cuberta que se atopaban deterioradas.
No proxecto tamén se contemplou a limpeza de todas as fachadas do edificio mediante auga a presión, para a súa posterior impermeabilización coa aplicación de revestimento elástico. As actuacións completáronse coa impermeabilización da xunta da estrutura no piar central da fachada norte.
Amais da práctica deportiva, con diferentes disciplinas como fútbol, ciclismo, ximnasia rítmica ou patinaxe, coa presenza dunha media de 200 deportistas cada mes, este pavillón municipal utilízase tamén como espazo social para acoller distintas actividades culturais promovidas polas asociacións e o Concello.