Menos da cuarta parte das persoas citadas polo Sergas acudiu ao cribado na Lama
Por Redacción
O Concello da Lama manifesta a súa preocupación polo feito de que tan só 103 persoas (o 21,9%) das 470 persoas convocadas polo Sergas para participar no cribado masivo levado a cabo este xoves 26 de agosto na Lama acudise a facer a proba PCR.
O tenente de alcalde, David Carrera, considera insuficiente o nivel de participación "sobre todo polo esforzo público que este tipo de probas supoñen para a administración sanitaria, que desprazou á Lama un amplo operativo para localizar a persoas asintomáticas que poden estar espallando o coronavirus".
O Sergas convocara a un total de 470 persoas para que este xoves, en horario de 9 a 14:30 horas, realizasen nas instalacións que se habilitaron no Multiusos da Lama as probas PCR para detectar casos asintomáticos nunha franxa de poboación con idades comprendidas entre 15 e 40 anos.
Os resultados negativos serán comunicados aos asistentes por SMS mentras que os positivos detectados realizaráselles unha chamada telefónica desde a Área Sanitaria Pontevedra-Salnés.
Esta iniciativa sanitaria, segundo o tenente de alcalde David Carrera, "púxose en marcha mobilizando persoal sanitario e administrativo coa clara intención de localizar positivos asintomáticos e frear o número de contaxios existentes no municipio, pero parece que a xente non tomou conciencia suficiente da necesidade de someterse a unha proba PCR que non leva máis que segundos, nada invasiva e que a penas produce molestias. En fin, nós seguiremos facendo todo o posible para preservar a saúde dos nosos veciños solicitando para elo a colaboración individual de todos e cada un deles", indicou Carrera.