Xente moza e novas tecnoloxías, un cóctel para revitalizar o rural galego
Por Redacción
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, puxo en valor o poder dinamización da mocidade e das novas tecnoloxías no rural galego nunha visita aos participantes do campo de voluntariado Rural Influencers que se está a desenvolver no concello de Cerdedo-Cotobade.
As mozas e mozos que participan nesta actividade, de entre 18 e 30 anos, están a realizar actividades de dinamización cultural, centradas no traballo multimedia cunha exposición de fotos ou talleres de técnica de manexo das redes sociais. Para iso, os participantes están a facer uso das instalacións do CEIP Plurilingüe de Carballedo.
A directora xeral sinalou que as novas xeracións están a sacar proveito das vantaxes do rural galego e dalas a coñecer ao mundo a través das redes sociais e as novas canles de comunicación. Unha oportunidade para dinamizar estas zonas da nosa comunidade e ampliar o coñecemento delas, así como da propia vida dos seus veciños, entre a xente nova.