En outubro entran en funcionamento as novas liñas de bus urbano coa opción da tarxeta-moedeiro
Por Redacción
En outubro comezan a funcionar as dúas novas liñas de transporte público urbano en Pontevedra. Este mes de setembro establécese como un período de adaptación para evitar a perda económica das persoas usuarias que teñen bonos do transporte urbano das liñas anteriores.
Aquelas persoas interesadas poden adquirir xa as novas tarxetas do Transporte Público de Galicia da Xunta a través de catro oficinas de Abanca coa posibilidade de beneficiarse dos descontos. Coa entrada en funcionamento destas tarxetas durante o próximo mes, as actuais serán inservibles, segundo informaba este venres o concelleiro responsable de Mobilidade, Demetrio Gómez.
O convenio asinado entre a Xunta e o Concello establece bonificacións co uso desta tarxeta-moedeiro da Xunta de, como mínimo, 0,50 euros en todas as viaxes por estas liñas urbanas de Pontevedra, o que implica que nos traxectos con orixe e destino no termo municipal o prezo do billete será de 1,35, no caso máis caro, ou de 0,85 euros coa adquisición da tarxeta. Os transbordos entre as liñas serán gratuítos.
Tamén existe a opción de adquirir billetes soltos cun prezo de 1,50 euros para viaxar por outros puntos fóra do municipio e bonos para 50 ou 100 viaxes. O web do Bus Urbano en Pontevedra atópase dispoñible desde este 27 de agosto cos itinerarios e paradas.
O Concello de Pontevedra a través do convenio coa Xunta deberá investir 300.000 euros en adaptación de paradas e outras melloras para estas novas liñas que substitúen ás catro actuais. Segundo Demetrio Gómez, o convenio asinado coa Xunta supón unha "optimización de recursos extraordinaria" e comparouno con outras cidades onde son necesarios investimentos de millóns.
En todo caso, engadiu que para completar o transporte público en zonas interurbanas está a traballarse no proxecto de transporte a demanda.
Cada autobús terá unha frecuencia de media hora, agás no barrio de Monte Porreiro onde, ao circular as dúas liñas, pasará un bus cada cuarto de hora. Tamén os usuarios desta contorna contarán cunha novidade, unha ligazón directa coa zona de Montecelo, indicou o concelleiro.
As dúas liñas conectan os considerados puntos de atención peonil onde se rexistra un maior número de demandantes como centros de saúde, espazos administrativos como a Xunta ou o Concello ou o campus universitario.
Relacionadas:
-
O bus urbano inicia unha nova andaina con incorporación de paradas e percorridos perimetrais
Por Anxo Lourido |
-
O transporte público de Pontevedra terá unha nova parada diante da estación de autobuses
Por Redacción |
-
As dúas liñas de transporte urbano circularán a diario entre as 07:15 e as 22:30 horas
Por Alejandro Espiño |
-
Acordo para que o transporte público de Pontevedra se active o 1 de setembro
Por Alejandro Espiño |
-
As viaxes no transporte público de Pontevedra custarán 0,85 céntimos
Por Alejandro Espiño |