A Feira da Cebola e La Vuelta, eventos para celebrar Santa Rosalía en Sanxenxo
Por Redacción
A celebración de Santa Rosalía, que será o vindeiro sábado 4 de setembro no porto deportivo de Sanxenxo, estará centrada na 39 Feira da Cebola e La Vuelta, segundo explicaron este venres a concelleira de Cultura, Paz Lago, e o de edil de Deportes, Daniel Arosa.
Será un "desafío de loxística e de seguridade sanitaria", concentrando dous eventos nunha mesma xornada e recibir no municipio 23 equipos ciclistas co seu persoal de apoio e a 1.130 xornalistas de 341 medios de comunicación de ata 34 nacionalidades diferentes.
Lago explicou que "queremos que a Feira da Cebola creza e á exposición e venda dos produtos da nosa horta sómense novas actividades", involucrando a moito público e gran parte do goberno.
Nesta ocasión e tal e como ocorreu antes da pandemia, a Feira da Cebola empezará antes do propio día de Santa Rosalía con concertos o 1 e 2 de setembro de 'Los Wavy Gravies' e 'La Reina del Vudú'.
A Feira manterase no punto habitual do porto de pescadores onde se situarán 51 postos de venda de cebolas e hortalizas, en horario de 9:30 a 15 horas. As medidas de seguridade serán as mesmas ao ano pasado, cunha entrada e unha saída diferentes e con persoal controlando o aforo. Nesta edición tampouco haberá premios nin concurso.
O broche á xornada festiva poñerao a tirada de fogos artificiais desde a praia de Silgar a partir das doce da noite e a actuación da orquestra París de Noia na Praza do Mar.
Pola súa banda, Arosa sinalou que "estamos encantados de poder acoller a penúltima etapa de La Vuelta", que fará un percorrido amplo en Sanxenxo, incluíndo o tránsito polo centro de Portonovo. A saída será ás 11:45 horas da Praza dos Barcos e contempla un percorrido neutralizado de 9 quilómetros que se inicia na rúa Augusto González Besada e continúa polo paseo Silgar, Recta de Baltar, Avenida Rafael Pico, Avenida de Pontevedra, Caneliñas, Avenida de Ourense, Rúa da Perla, Travesía da Lanzada, Recta de Baltar, Circunvalación, Rúa Progreso e PO-308 ata Areas, onde finaliza o tramo neutralizado e comeza a carreira.
En canto ao espazo ocupado por La Vuelta no porto, na zona do espigón situaranse 170 vehículos, entre camións, motos autobuses e coches dos 23 equipos. Na Praza do Mar e a Praza de Os Barcos situaranse as pérgolas de quecemento, a zona de sponsors e VIP, e o merchandising. O helicóptero utilizará o campo de fútbol de Baltar para aterrar e despegar.
Relacionadas:
-
A Feira da Cebola non se perde o arranque de setembro en Sanxenxo
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Música, humor, maxia e tradición encherán Sanxenxo durante doce días consecutivos
Por Redacción |
-
A etapa de La Vuelta con saída en Sanxenxo partirá do Porto Deportivo
Por Diego Espiño |
-
Sanxenxo prepárase para un setembro de eventos coma "colofón a un bo verán para a actividade turística"
Por Oskar Viéitez |
-
O público que acode á Feira da Cebola "fai máis fotos que compras"
Por Oskar Viéitez |