O Proxecto Senda 2021 rematará cunha xornada de intercambio de bens e produtos
Por Redacción
‘Troco e troula: a forza do local’ é o nome da iniciativa coa que culmina o Proxecto Senda 2021. Un evento que desenvolverán as 15 persoas que tomaron parte na presente edición deste ciclo, impulsado pola Concellería de Promoción Económica de Poio, co obxectivo de facilitar o impulso a proxectos vitais, profesionais e novas marcas.
A cita terá lugar o vindeiro 5 de setembro, a partir das 12.00 horas, na Reiboa (San Xoán), con cumprimento de todos os protocolos de seguridade, hixiene e distanciamento que marcan as autoridades sanitarias por mor da pandemia da COVID-19.
O concelleiro responsable deste departamento, o socialista Gregorio Agís, foi o encargado de presentar esta iniciativa, acompañado da técnica municipal María José Suárez e os integrantes de Senda 2021. Agís explicaba que nesta actividade un dos principais reclamos será a posibilidade de trocar diferentes bens e produtos, que inclúen prendas de roupa, elementos decorativos, libros, xoguetes, antigüidades ou pequenos electrodomésticos.
Deste xeito, os asistentes poderán facer entrega dalgún destes produtos, recibindo a cambio unha cantidade de ‘sendas’ que variará en función do produto. Posteriormente, poderán canxear estas ‘sendas’, como se de moedas se tratase, para adquirir outros produtos e bens dispoñibles nos stands. Aqueles elementos que non teñan saída serán doados ao departamento de Servizos Sociais, para que sexan repartidos entre as familias con menos recursos do municipio.
No lugar da Reiboa se habilitarán unha ducia de postos, nos que, ademais do comercio local, tamén terán protagonismo a música, a gastronomía e a artesanía.
O concelleiro de Promoción Económica non dubidou en felicitar aos integrantes do Proxecto Senda por impulsar unha iniciativa "que supón un broche inmellorable ao labor desenvolto durante todos estes meses. Estamos a falar dun evento que reflicte á perfección os contidos e valores da formación que se imparte a través de Senda, como o traballo en equipo, a cultura colaborativa, emprendemento ou o desenvolvemento da marca persoal, á vez que se reforza a economía local e sostible" do municipio de Poio.
Relacionadas:
-
O Servizo de Orientación Laboral de Poio asesorou máis de 700 persoas no último ano
Por Redacción |
-
A feira 'Troco e Troula' transfórmase en roupa, maletas e diñeiro solidarios para os servizos sociais de Poio
Por Redacción |
-
Comezan as sesións de traballo en grupo da cuarta edición do Proxecto Senda
Por Redacción |
-
Primeira toma de contacto da nova edición do proxecto de emprendemento Senda 2021 de Poio
Por Redacción |
-
Poio impulsa un espazo para emprendedores no centro de formación da Reiboa
Por Redacción |
-
O Proxecto Senda 2021 arrancará en abril para mellorar a inserción laboral en tempos de crise
Por Redacción |