Investimento de 180.000 euros para ampliar a Casa do Concello
Por Redacción
Estes días está previsto que se inicien as obras de acondicionamento e ampliación do edificio do Concello da Lama cun investimento de 180.000 euros procedentes do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.
Os traballos consistirán en ampliar a superficie de atención ao público, mellorar a accesibilidade ao edificio, instalar ascensor e corrixir os graves problemas de humidade que se rexistran actualmente no Salón de Plenos e en varios espazos do edificio debido ás filtracións de augas pluviais que presentaban un grave problema de salubridade, segundo recoñece o alcalde Jorge Canda.
Estas obras desenvolveranse ao longo de tres meses e a ampliación realizarase cara á Alameda coa idea de ofrecer un deseño moderno e funcional, coa eliminación de barreiras arquitectónicas. Tamén está previsto mellorar a zona de aseos modernizando e actualizando as dimensións.