30 novas prazas de aparcamento en Campelo estarán listas antes da Festa da Ameixa
Por Redacción
A parroquia de San Xoán prepárase para a creación de 30 novas prazas de aparcamento en dous espazos situados no núcleo de Campelo. A tenente de alcalde e concelleira de Obras e Servizos, Chelo Besada, visitou a zona onde se realizan os traballos para adaptar os terreos ao acceso dos vehículos.
Segundo manifestou, a previsión é que se poidan utilizar polos usuarios antes da celebración da Festa da Ameixa de Campelo, os días 17 e 18 de setembro, salvo que xurda algún imprevisto.
A concelleira insiste en agradecer ás persoas propietarias das leiras pola cesión dos terreos situados nas rúas Pedro Soto e en Padre Avelino. O terreo máis grande conta con 677 metros cadrados e acollerá 18 prazas, mentres que o máis pequeno, de 300 metros cadrados, albergará 12 espazos de estacionamento.
Con estas cesións complétase, segundo o goberno local, a reforma integral realizada pola Deputación de Pontevedra nas estradas EP-0602 e EP-0601, coa renovación de servizos, a creación de espazos para viandantes e a mellora da seguridade viaria.
Chelo Besada anunciou que están en contacto con outros propietarios de terreos para crear outros espazos de estacionamento na zona de Campelo. Lembrou tamén que o Concello carece de espazos de titularidade pública nesta zona para poder acometer actuacións destas características.
Por último, a tenente de alcalde indicou que na parroquia de Raxó xa está en funcionamento unha parcela para aparcar, situada nas proximidades á estación de servizo. Nesa zona, tras chegar a un acordo coa propietaria, o Concello rozou o terreo para que puidesen acceder os turismos. Tamén se atopa activo o situado en Camiño das Bocas, no núcleo de San Salvador, con capacidade para 300 vehículos.
Relacionadas:
-
París de Noia e El Combo Dominicano porán o broche de ouro ao verán en Poio
Por Redacción |
-
O Concello de Poio adapta dúas leiras en Campelo como aparcamentos disuasorios
Por Redacción |
-
O PP pide ao Concello de Poio que fale coa veciñanza antes de pintar as estradas prohibindo o estacionamento
Por Oskar Viéitez |
-
400 novas prazas de aparcadoiro serán creadas en San Salvador e preto da igrexa de Samieira
Por Redacción |
-
Reclaman a creación de máis prazas de aparcamento en Campelo
Por Redacción | Creada e actualizada