As actividades do Revitaliza durante o verán achegaron a compostaxe a preto de 1.400 nenos
Por Redacción
No que vai de verán, o Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra chegou a preto de 1.400 nenos que participaron nas ludotecas, obradoiros e campamentos estivais dos concellos da provincia.
As cifras seguirán medrando durante este mes de setembro, xa que aínda se poden solicitar obradoiros e charlas, pero só nos meses de xullo e agosto os monitores do CEIDA estiveron en dezasete municipios adheridos ao plan provincial de residuos baseado na compostaxe, levando adiante 105 actividades dirixidas tanto a familias como a rapaces de 2 a 16 anos.
Destacaron as charlas informativas 'A voltas coa compostaxe' as actividades de compostaxe infantil para pequenos de Educación Infantil; o teatro e contos de 'Ecocol' o famoso Xogo da Miñoca, para rapazada de 6 a 8 anos; os obradoiros de 'Quen vive aí?' para coñecer todos os invertebrados que axudan a que a compostaxe saia adiante; e os experimentos de microcompostaxe, para xente moza de 9 a 16 anos, amosando como con pequenos recipientes tamén se pode chegar a facer compost de calidade cos biorresiduos.
Por territorios, a comarca do Morrazo foi a máis activa neste verán, con 384 participacións e co concello de Marín destacando sobre todos os demais xunto ao concello de Cangas. Na comarca do Salnés as actividades chegaron a 259 nenos dos municipios de Illa de Arousa, Cambados e O Grove.
Na comarca de Pontevedra, nos concellos de Poio, A Lama e Barro, participaron 245 nenos; na comarca do Condado houbo 229 rapaces de A Cañiza, Arbo, Mondariz e Ponteareas; na comarca de Caldas 112 dos concellos de Cuntis, Portas e Valga; mentres que participaron tamén o Concello de Redondela con 105 crianzas e o de Vila de Cruces con 39.
As actividades educativas do Revitaliza, que se realizan principalmente durante o curso nos centros educativos de toda a provincia e de maneira máis recente durante o verán, están destinadas a nenos de Infantil, Primaria e Secundaria dentro da programación estival organizada dos municipios, xa ben campamentos urbanos, obradoiros, xornadas divulgativas ou ludotecas, mais tamén se inclúen actividades para grupos familiares.
O contido das propostas é mixto, cunha pequena parte teórica e outra práctica, traballando nos distintos aspectos da compostaxe dunha maneira lúdica para facer máis asequibles os conceptos ás crianzas que están a gozar do seu período vacacional. Neste ano, igual que en 2020 por motivo da covid-19, traballouse en grupos reducidos para garantir a seguridade necesaria segundo o establecido polas autoridades sanitarias e escolares.
As actividades pódense adaptar ás diferentes necesidades de cada Concello, polo que os servizos municipais poden consultar as dúbidas ou aclaracións que se precisen coa equipa educativa. Aínda está aberta a posibilidade de solicitar actividades para o mes de setembro, mais o número máximo de actividades a realizar en cada Concello -financiadas pola Deputación- estará suxeito á dispoñibilidade e en función da demanda do programa.
Relacionadas:
-
Caldas trata de dar un impulso á compostaxe a través de charlas informativas
Por Redacción |
-
Entrega de 175 composteiros domésticos en seis parroquias de Caldas
Por Redacción |
-
O Revitaliza comeza o curso escolar coa participación de 700 alumnos en só dúas semanas
Por Redacción |
-
A Deputación e a Agència de Residuos de Catalunya intercambian experiencias sobre a compostaxe
Por Oskar Viéitez |
-
O Plan Revitaliza dará un "salto adiante" cunha nova fase centrada na parte normativa deste modelo de xestión de residuos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O norte de Portugal estuda o modelo de xestión de residuos do Plan Revitaliza
Por Redacción |
-
Últimos días para solicitar composteiros individuais en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Máis de 250 nenos participaron nos campamentos de verán de Marín
Por Redacción |
-
Os participantes na ludoteca de verán da Lama aprenden os segredos da compostaxe
Por Redacción |
-
Vilaboa é líder en Galicia na implantación da compostaxe
Por Redacción |
-
Ludotecas e campamentos de verán volverán xogar e aprender coa compostaxe
Por Redacción |
-
Escolares do CEIP Lourido descobren os segredos do funcionamento do composteiro comunitario
Por Redacción |