A empresa subministradora do Barça e o PSG renovará o céspede do campo de fútbol do Revel
Por Redacción
Unha das empresas máis potentes de Europa no sector do céspede artificial, Fieldturf Poligras, será a encargada da subministración e instalación do céspede do campo de fútbol do Revel en Vilalonga.
O Concello de Sanxenxo investirá 288.208 euros a través da modalidade de renting nun período de 5 anos.
Segundo os datos técnicos facilitados ao Concello, o céspede artificial que se colocará no campo reduce ata un 47% a porcentaxe de lesións importantes e ata un 25% o total de lesións.
A compañía encargada da instalación dos campos de adestramento do Paris Saint-Germain (PSG) ou da Cidade Deportiva do F.C. Barcelona retirou esta fin de semana o céspede actual en rolos de 2x30, limpos de area e caucho, que se reutilizarán cun uso diferente ao actual.
Tras estes labores, iniciarase a colocación do sistema de rega con seis aspersores con turbina de longo alcance, sete electroválvulas de fibra de vidro, seis pezas e seis conectores estancos con xel de illamento. A previsión é que o novo terreo de xogo estea listo para a práctica deportiva a última semana de setembro.
Os clubs que está previsto que adestren neste terreo de xogo son o Vilalonga CF, Libertad Sporting Club, Viajes Interrías Fútbol Feminino e varios equipos veteranos.