O BNG de Poio reclama a humanización da PO-308
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O BNG de Poio reclama a humanización da PO-308 ao seu paso polos núcleos de San Salvador, Raxó, Samieira, Combarro e A Barca. Así llo trasladou este martes a representantes dos sectores da hostalería e o comercio nunha reunión na que participou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
A responsable local do Bloque, Marga Caldas explicou que o proxecto dos nacionalistas pretende mellorar a calidade de vida dos núcleos de poboación do municipio que cruza esta estrada autonómica. No caso concreto de San Salvador queren que esta parroquia non sexa un lugar de paso. Ademais reivindicou a execución do Vial do Vao que conecta a estrada de Vilagarcía (PO-531) coa de Campañó (PO-310).
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, destacou que "historicamente o noso concello creceu de maneira desordenada ao redor dunha estrada que condicionou bastante o seu crecemento" e avogou por "facer dun problema unha virtude" implementando lugares de convivencia e contornas "vivibles" e aproveitando este vial como unha "fonte de riqueza". Para eles "haberá que buscar alternativas ao tráfico", segundo recoñeceu o rexedor nacionalista para reducir o número de coches que circulan pola estrada da costa e que a PO-308 "non sexa un aparcamento de vehículos".
Sobral tamén indicou que a construción do Vial do Vao, ademais de "resolver un problema de tráfico", supoñerá "dar unha saída máis humana e máis decente" ao poboado chabolista.
A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, indicou que esta é "a marca de identidade dos gobernos do BNG" cun modelo de mobilidade urbana "que poña ás persoas no centro". Aínda que no caso da PO-308 e do Vial do Vao, recoñeceu Pontón, "escapan do ámbito local" xa que son estradas autonómicas polo que anunciou que o grupo parlamentario do BNG presentará iniciativas para pedir á Xunta que actúe.
RESPOSTA DO PP LOCAL
O portavoz do PP de Poio, Ángel Moldes, expresou a súa sorpresa ante as declaracións "desinformadas e mal asesoradas" da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e lembrou que "a Xunta leva investido máis de 6 millóns de euros nun proxecto de humanización que xa é unha realidade, por exemplo, entre Raxó e Samieira, con máis de 4 quilómetros de sendas e mellora da seguridade vial xa executadas e a disposición dos veciños".
Ademais, Moldes recordou que hai outros 17 millóns de euros comprometidos na humanización da PO-308 ao seu paso polo municipio, con treitos, como Fontenla-Combarro, que xa están na fase de expropiación.
"A Xunta inviste e traballa por Poio mentres o Tripartito que encabeza o BNG é incapaz de xestionar as súas competencias", dixo Moldes en referencia ás prazas de aparcamento ou a reposición dos servizos municipais nas obras que executa a administración autonómica.