Juan Paulo Jiménez recorre unha condena apelando ao primeiro caso que perdeu España no Tribunal de Estrasburgo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A condena de Juan Paulo Giménez, do clan dos Morones, por entrar a tiros nunha pedida de man celebrada en maio de 2019 no Porriño chegou á Audiencia Provincial de Pontevedra. Os avogados da familia elaboraron un recurso de preto de 300 páxinas contra a sentenza do Penal 3 de Pontevedra que lle impón seis anos e medio de prisión e sosteñen a súa petición de que sexa absolto no primeiro caso no que España acabou condenada no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.
A familia Morón confiou a defensa de Juan Paulo a Jose Luís Fuertes Suárez, antigo avogado do ex xuíz da Audiencia Nacional Baltasar Garzón, e tamén ao actual letrado da Sociedade Xitana Española, Miguel Heinrichs. Ambos compareceron este martes ante os medios de comunicación diante da Audiencia Provincial xusto antes de presentar o recurso.
O avogado José Luis Fuertes asegura que se trata dun recurso de apelación "moi fundado" apoiado non só nos razoamentos clásicos destes recursos senón, sobre todo, no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo por unha vulneración dos dereitos fundamentais.
"Neste caso, houbo un xuízo absolutamente precipitado onde non houbo tempo para defensa, non houbo tempo para preparar probas de defensa e realmente non se puido defender o acusado debidamente en absoluto", resumiu Fuertes, que puxo o foco sobre os paralelismos entre a causa de Juan Paulo Giménez e a primeira na que España foi condenada en Estrasburgo.
Trátase dunha condena a España polo asunto de 1981 Barberá, Messegué e Jabardo, "unhas persoas ás que se lles acusaba dun acto terrorista que logo resultou que non había probas en absoluto e foron postos en liberdade polo Goberno".
Como naquel caso, neste o avogado sostén que "houbo un certo prexuízo ou animadversión en relación con determinadas persoas en favor doutros" e asegura que aínda que "non sabemos se influíu a etnia ou non, desgraciadamente é posible que si porque estas cousas a día de hoxe seguen ocorrendo".
Segundo sostén, neste caso foi condenado xa antes do xuízo pola prensa e logo circunstancias que "determinan unha aparición de falta de imparcialidade do xuíz que xulga". Desta forma, cren que se vulnerou o dereito a un xuízo con todas as garantías recoñecido no artigo 24.2 da Constitución.
Para estes letrados, "non había probas, non se puido preparar e simplemente non se puido defender" de modo que "non se lle podería condenar". "Houbo unhas dúbidas máis que razoables, non se cumpriron as garantías da xustiza moderna , por tanto, vai ser absoluto", engaden os avogados.
Segundo anunciaron estes avogados, está en trámites ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia unha querela presentada contra a xuíza de Porriño que instruíu esta causa, está a estudarse se ampliala tamén cara á fiscal e un despacho de avogados de Barcelona ten en estudo outra posible demanda contra a xuíza que xulgou e condeno o asunto. En todo caso, son demandas alleas ao recurso que se presentou este martes.
Relacionadas:
-
Juan Paulo Giménez condenado a seis anos e medio de prisión por entrar a tiros nunha festa
Por Oskar Viéitez |
-
Juan Paulo Giménez nega ser o autor dos disparos na pedida de man dos Zamoranos
Por Oskar Viéitez |
-
O primoxénito de "Los Morones", a xuízo por un tiroteo nunha pedida de voda de "Los Zamoranos"
Por Redacción |
-
A detención de Juan Paulo Giménez, da familia dos Moróns, tras 17 meses fuxido, desbloquea un xuízo en Pontevedra
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Acordo no xuízo contra integrantes dos Morones con condena dun ano de prisión para Sinaí Giménez
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |