Pechan sete puntos de xestión administrativa da covid-19 e só funcionarán en Pontevedra e Vilagarcía
Por Redacción
Os puntos de emisión de certificados e xestión administrativa da covid-19 que funcionaban desde principios de agosto en Marín, Bueu, Sanxenxo, Caldas de Reis, O Grove, Cambados e Vilanova de Arousa pecharán a partir deste mércores 1 de setembro.
A partir de agora, a actividade quedará centralizada en Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.
A área sanitaria de Pontevedra e o Salnés tomou a decisión ante a "favorable evolución da incidencia da pandemia" e indican que a actividade dos nove puntos (os sete que pechan e os dous que permanecen) empezou en agosto de forma temporal porque estas localidades presentaban unha alta incidencia do virus e pretendíase descargar aos centros de saúde e facilitar a obtención de documentos por parte da poboación.
En Pontevedra, o punto administrativo seguirá na súa sede provisional no edificio da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal e entrada pola rúa Javier Puig e en Vilagarcía, no auditorio municipal.
Os dous manterán un horario de actividade ao público de luns a venres de 10 a 17 horas para tramitar certificados de vacinacións, de tests de antíxenos negativos, altas tras superar a covid-19, altas en E-Saúde ou accesos a Chave365.
Durante o mes de agosto, estes puntos administrativos tramitaron máis de 2.200 altas en E-Saúde, emitiron máis de 11.000 certificados COVID conforme á normativa da Unión Europea e realizaron arredor de 17.300 xestións de diversa índole para a poboación.
Relacionadas:
-
Descenso continuado do número de pacientes ingresados e casos activos na área sanitaria
Por Redacción |
-
Máis de 1.700 consultas foron atendidas no punto covid de Pontevedra en apenas un mes
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Habilitan espazos para realizar xestións relacionadas coa covid en nove localidades da área sanitaria
Por Redacción |