O cheiro procedente dunha leira de Campelo delata a presenza dunha plantación de marihuana
Por Redacción
Axentes da Policía Local de Poio investigan a un mozo por un presunto delito contra a saúde pública, despois de que o sábado 28 de agosto procederan a intervir unha plantación de marihuana, que presentaba un peso aproximado de oito quilos de substancia estupefaciente.
Segundo relatan fontes policiais, os axentes foron alertados sobre a existencia dun importante cheiro que procedía do interior dunha leira privada situada na zona de Campelo.
Unha vez chegaron ao lugar e despois de realizar varias xestións, os policías conseguiron pescudar a titularidade do terreo e do presunto autor do cultivo ilegal. Unha vez identificados, as dúas persoas achéganse ata o lugar e convidan os axentes a comprobar o terreo.
Nesa parcela, os axentes comproban a existencia de varias plantas de cultivo ilegal de substancias estupefacientes, aínda que tamén descobren que se arrincaron minutos antes parte das plantacións. A terra atopábase removida e había restos de follas de marihuana pola zona.
Segundo o relato policial, o mozo arrincara as plantas instantes antes para agochalas no interior dun contedor de lixo nunha rúa próxima, en varias bolsas de lixo. Unha vez localizadas, foron intervidas do mesmo xeito que o resto de plantación de marihuana.
A Policía Local de Poio formalizou unha investigación dun mozo de 30 anos, veciño de Campelo, e a intervención da sustancia estupefaciente. O home investigado foi trasladado ata dependencias policiais para a instrución do atestado e a remisión á autoridade xudicial do informe.