Sanidade citará para vacinarse a persoas que pasaran a covid-19 recentemente
Por Alejandro Espiño
Ata o de agora, aquelas persoas que pasaron a covid-19 tiñan que esperar seis meses para poder vacinarse. Pero Galicia decidiu reducir ese prazo e comezará a citar aos galegos que se infectaron recentemente para proceder á súa inmunización.
Así o anunciou este mércores o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que convidou a toda a poboación que aínda non recibiu ningunha das doses a facer uso do sistema de autocita habilitado para as persoas maiores de 20 anos.
Para iso, as autoridades sanitarias habilitaron 30.000 ocos para os pacientes que superen esa idade e, polos motivos que sexan, están aínda sen vacinar.
En Galicia, segundo García Comesaña, apenas un 8% da poboación diana maior de 12 anos segue sen vacinarse, mentres que o 91,2% recibiu polo menos unha dose, o que sitúa á comunidade galega á cabeza de toda España.
Ademais, o 95,7% da poboación maior de 40 anos xa conta coa pauta completa de vacinación e que 150.000 mozos con idades comprendidas entre os 12 e os 19 anos (85% deste grupo etario) xa recibiron polo menos a primeira das doses.
"Aspiramos a conseguir o 100% da poboación vacinada", engadiu o titular de Sanidade, que destacou o descenso "cada vez máis apresurado" da evolución epidemiolóxica de Galicia, que ten unha incidencia de 106 casos a 7 días e de 259 casos a 14 días.
No que se refire á situación asistencial dos hospitais galegos, o xerente do Sergas, José Flores, subliñou que a baixada da presión asistencial "é paralela" á situación epidemiolóxica aínda que lamentou que o número de ingresados "segue sendo considerable".
Por iso, instou a poboación a vacinarse e a seguir cumprindo as normas sanitarias establecidas, pois "non podemos normalizar as cifras de casos activos, nin a de persoas ingresadas que temos nos hospitais galegos".
Relacionadas:
-
Aumentan a 14 os hospitalizados, catro na UCI, nunha área sanitaria que mantén 371 casos activos
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A área sanitaria mantén a súa tendencia á baixa e cae ata os 429 casos activos con 12 hospitalizados
Por Alejandro Espiño |
-
Ascende lixeiramente o número de ingresados covid na área onde se manteñen cinco pacientes na UCI
Por Redacción |
-
Descenso continuado do número de pacientes ingresados e casos activos na área sanitaria
Por Redacción |
-
RADIO.- Covid-19 e plasma convalecente: "Non prexudica, nuns enfermos ten maior ou menor efecto, pero non causa maior trastorno"
Por Marisa Ciordia |
-
A Lama, municipio da área sanitaria con menos poboación vacinada: só o 67% ten a pauta completa
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño |