Lelé de Noite inaugúrase no local da desaparecida Discoteca Daniel
Por Mónica Patxot & María José Pita
Apenas dous meses despois de anunciar o seu peche definitivo a Discoteca Daniel tras 52 anos de actividade, desde este xoves 2 de agosto unha nova oferta de lecer inaugúrase no emblemático local da rúa Daniel da Sota, número 1.
Ás 20:30 horas será o momento no que Lelé de Noite abra as súas portas ao público, despois dun mes de acondicionamento do local, do que se mantivo a distribución dos diferentes espazos.
Ademais do funcionamento como discoteca, a nova sala ofrecerá actividades entre semana, como clases de baile e algún evento para os máis novos sen alcol.
O lecer adulto centrarase na contorna da fin de semana, de xoves a domingo, coa previsión de establecer dúas sesións, para un público de maior idade á primeira hora da tarde e para os amantes da noite na quenda de ao redor da medianoite.
O xerente deste novo local é o coñecido hostaleiro marinense Rafael Rúa Santiago, directivo da Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (HOEMPO) e propietario do emblemático Café Bar Lelé de Marín e máis recentemente do Café Bar Lelé II de Pontevedra, na rúa Padre Fernando Olmedo.
Relacionadas:
-
A Discoteca Daniel, de raíña da noite pontevedresa a soto en alugueiro
Por Cristina Saiz & María José Pita |
-
A hostalería de Pontevedra activa o roteiro da Festa das Cunchas
Por Redacción |
-
Once hostaleiros peregrinan a Madrid para chamar a atención sobre a "ruína" do sector: "estamos hasta las pelotas"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |