Fiscalía pide seis anos de prisión para tres acusados por tráfico de drogas en Cambados
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, sinalou para o xoves 17 de outubro o xuízo contra dous homes e unha muller acusados dun delito contra a saúde pública polo que a Fiscalía pide a pena de seis anos de prisión e multa de 18.798 euros para cada un.
Segundo o escrito de acusación, na tarde do día 10 de febreiro do ano 2009, o acusado Jesús F.S. encargou aos outros dous acusados Francisca D.G. e José D.L. que se trasladasen á zona de Castrelos en Cambados para a compra de heroína prometéndolles a cambio droga gratis e entregándolles un sobre con diñeiro para pagar a venda.
Cando Francisca e José abandonaban o lugar do intercambio foron sorprendidos por unha patrulla da Garda Civil. Segundo o relato dos feitos que fai a Fiscalía, os axentes pedíronlles a identificación, Francisca saíu do vehículo cara ao maleteiro para coller o DNI, deixando caer ao chan unha bolsa con 11 gramos de cocaína.
Os acusados foron trasladados ás dependencias da Benemérita e postos en liberdade sobre as 00:04 horas da madrugada, "dirixíndose ao lugar onde foran detidos e quedando durmidos no vehículo nas inmediacións do devandito lugar onde ás 11:00 horas tratan de recuperar o estuche coa droga comprada e que previamente á detención da Garda Civil botaran, tratando de ocultala, para evitar a súa incautación".
No momento no que estaban a tratar de localizar a droga foron novamente sorprendidos polos axentes do Instituto Armado que localizaron o estuche cunha substancia que posteriormente analizada e pesada resultou ser 84 gramos de heroína cun prezo no mercado ilícito de 5.298 euros.
As cantidades, segundo a Fiscalía, ían destinadas por Jesús "á venda a terceiras persoas ao ser esta a actividade á que se dedicaba".