Fondo Norte Podcast incorpórase á nova tempada de PontevedraViva Radio. Un proxecto que xurdiu deManuel Quiroga, consultor de márketing dixital quen en 2009 creara o foro de afeccionados granates Pontevedracf.net. "Facer un podcast sobre o club granate roldábame na cabeza fai tres tempadas e dixen: agora ou nunca", explícanos.
E naquel "agora" rodeouse dun equipo que conforman o xornalista de PontevedraViva, Manu Otero; o tamén profesional do xornalismo deportivoAlexandre Davila e Pablo Cacheda, director, realizador e produtor audiovisual.
En Fondo Norte Podcastcomentan a actualidade do Pontevedra Club de Fútbol semanalmente e en directo; aínda que non sempre foi así, xa que na súa primeira tempada foi cada quince días e arrancaron tamén con programas gravados.
De entón a hoxe o podcast foi innovando, en ocasións premeditadamente e outras forzosamente como sucedeu coa irrupción do confinamento motivado pola covid-19: "aquel momento marcou un punto de inflexión no podcast porque como ademais non había partidos tiñamos mono de fútbol", lembran.
En Fondo Norte Podcast "estamos nunha especie de conversación de bar aberta" din, xa que cada episodio permite unha interacción a través de chat cos seus seguidores. Ademais, entre eles "aínda que ningún dos catro parecémonos en nada" a engrenaxe funciona perfectamente e "cada un fala desde a súa opinión", engadindo tamén desde a súa afección e desde a súa profesión no caso de Alex e Otero.
Os seus seguidores teñen un rango de idade absolutamente heteroxéneo, desde adolescentes ata os afeccionados granates máis veteranos. A partir do próximo mércores 8 de setembro PontevedraViva Radio redifundirá este podcast ás 17.00 horas no seu streaming e estará dispoñible tamén na web para escoitar no momento que se prefira.
Fondo Norte Podcast é a primeira das novidades desta tempada que comeza e ao que se sumarán outros podcast de produción propia. De igual forma, tras analizar os días e horarios de maiores descargas e escoitas, readaptamos a grella de emisións.