Un condutor dá positivo en alcol e drogas despois de causar danos nun establecemento de A Illa de Arousa
Por Oskar Viéitez
Axentes da Policía Local de A Illa de Arousa, procederon na tarde do xoves á identificación dun veciño de Vilagarcía, de 55 anos de idade, como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria por conducir un vehículo de motor baixo a influencia de consumo de alcol e presenza de drogas.
Os feitos ocorreron ao redor das 20:40 horas. Un particular avisou á xefatura da Policía Local de que un turismo acababa de impactar contra o mobiliario dun establecemento hostaleiro, realizando manobras bruscas e ausentándose do lugar dos feitos.
Unha patrulla localizou ao condutor no Paseo de O Cantiño con claros síntomas de estar baixo os efectos do alcol. Este home admitiu os feitos diante dos axentes. Unha vez sometido ás correspondentes probas presentou un resultado final en etilómetro de 0’83 miligramos de alcol por litro en aire expirado ademais de positivo en AMT (Anfetaminas), polo que deberá comparecer no Xulgado de Instrución de Vilagarcía a próxima semana.
O home enfróntase a unha sanción económica de mil euros e a retirada de 6 puntos do permiso de conducir pola presenza de drogas no organismo.
CAMPAÑA COA DXT
Os Axentes da Policía Local de A Illa de Arousa en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT) iniciarán unha campaña de vixilancia e concienciación sobre o perigo das distraccións ao volante co control de manobras e comportamentos que poidan afectar á condución como o uso de dispositivos como navegadores e especialmente dos móbiles, entre os días 16 e 22 de setembro.
O uso destes dispositivos multiplica o risco para sufrir un accidente, sendo equiparable a conducir con exceso de alcol, segundo manifestan expertos en seguridade viaria do corpo.
No que vai de ano acumulan máis dun centenar de denuncias soamente por ese motivo .
Os controis realizaranse de maneira estática en diferentes puntos da localidade, en diferentes horas e días, ademais de realizalos no vehículo oficial e no vehículo camuflado.