O conflito de ENCE 'cóase' na saída de La Vuelta a España en Sanxenxo
La Vuelta a España non tivo unha saída tranquila na etapa que este sábado arrancaba desde Sanxenxo. Os traballadores de Ence, convocados pola sección sindical de Comisións Obreiras, aproveitaron o paso da caravana ciclista para dar visibilidade ao seu conflito.
Preto de medio centenar de traballadores chegaron a Sanxenxo sobre as dez da mañá, case dúas horas antes da saída da carreira. Reuníronse nas inmediacións da Igrexa Nova, coa intención de acudir ata o porto deportivo e tratar de atrasar a saída da proba.
Ana Cedeira, presidenta do comité de empresa das oficinas de Ence, foi a encargada de explicar aos axentes da Garda Civil que, aproveitando a presenza en Sanxenxo de medios nacionais e internacionais, "queremos que se nos vexa".
"Queremos que a ministra para a Transición Ecolóxica se digne a vir a Pontevedra e a ter unha reunión con nós", asegurou Cedeira, ao entender que "é a única solución que temos agora os traballadores".
Os manifestantes pretendían atrasar a saída de La Vuelta "media hora ou 45 minutos" cunha sentada e, a partir de aí, garantían que "non imos facer nada máis" e que, en todo caso, "non imos interromper nada cando estean xa andando".
"Pasado ese tempo imos e xa está", engadía a presidenta do comité. Pero sen éxito. As autoridades foron moi claras. "Non pode ser nin dous segundos", explicáronlles os axentes.
A opción que lles autorizaron, segundo os traballadores, é poder dar visibilidade ao seu conflito no arranque da etapa, pero sen provocar demoras na saída. Con esa idea, os traballadores encamiñáronse cara o paseo de Silgar, punto de inicio da etapa.
Pero ao chegar, a Policía Nacional blindou os accesos ao percorrido e advertiulles que habería importantes sancións económicas se impedían o paso da carreira. Só lles quedou elevar as súas pancartas, nas que se podía ler "Sánchez escoita, Ence está en loita", e berrar as súas consignas.
Houbo un segundo intento por facerse ver no medio da caravana de La Vuelta, xa que tras o paso do pelotón, que ía coa saída neutralizada, gran parte dos traballadores subiron ata a rúa Progreso para continuar coas súas protestas. Iso si, sen interromper o paso dos ciclistas.
Relacionadas:
-
As Rías Baixas ditan sentenza en La Vuelta cunha espectacular etapa
Por Redacción |
-
O Concello ve "irresponsable" que a Xunta siga defendendo que ENCE continúe en Lourizán
Por Alejandro Espiño |
-
Instan ao Goberno a buscar unha "solución xurídica" para que ENCE siga en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta recibirá o xoves aos traballadores de ENCE pero advirte: "Non temos alternativa"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada