Caldas inaugura a súa nova área de estacionamento de autocaravanas
Por Redacción
Un espazo situado ao final da rúa Sarnadela foi o lugar elixido polo Concello de Caldas para instalar a súa primeira área de estacionamento de autocaravanas, un equipamento con capacidade para cinco vehículos que foi inaugurado este sábado.
A estrea desta superficie foi cun acto no que participaron o alcalde, Juan Manuel Rey, o concelleiro Jacobo Pérez, membros da asociación de 'caravaning' La Peka e representantes do Centro Comercial Aberto de Caldas de Reis e da asociación de hostalería da vila.
"En Caldas estamos apostando firmemente polo turismo sostible e esta iniciativa favorece que o noso municipio se sitúe no mapa dunha modalidade de viaxeiros que cada vez ten máis adeptos", explicou o alcalde, que cualificou esta área como un "acerto".
Esta nova superficie ten capacidade para cinco autocaravanas e conta con todos os servizos básicos como son unha zona de baleirado de augas grises e un punto de recarga de auga.
O proxecto desenvolveuse seguindo as recomendacións ofrecidas desde a Asociación La Peka, unha plataforma estatal que defende este modelo de viaxeiros e que desde o primeiro momento colaborou para facer desta iniciativa unha realidade.
O Concello aproveitou a presenza dos primeiros autocaravanistas para convidalos a realizar unha visita guiada por Caldas de Reis. Nela puideron descubrir os principais atractivos patrimoniais e coñecer máis sobre a historia da vila termal.