Retiran 130 niños de gaivota e capturan 238 pombas para manter á raia a súa poboación

Por Redacción
Pontevedra logrou manter estable a súa poboación de gaivotas e pombas durante o ano 2021. A pesar de que a pandemia motivou algúns cambios na actitude das aves que habitan na cidade, ao reducirse o tráfico, as súas colonias non creceron con respecto a anos anteriores.
O servizo levado a cabo pola firma especializada Larus Control logrou non só que o número de exemplares de pombas e gaivotas se manteña estable en relación aos de 2019 e 2020, senón que tamén evitou a expansión do territorio ocupado por estas aves.
No que atinxe ás gaivotas, a campaña aínda en marcha neste 2021, iniciada en primavera, centrouse na zona vella e nas principais avenidas de tránsito peonil, o ensanche, Benito Corbal e Loureiro Crespo, onde hai unha maior cantidade de reclamacións.
Neste período recibíronse 150 reclamacións, percorréronse 263 tellados e retiráronse 130 niños, 139 ovos e 45 polos.
Así, hai 100 parellas de gaivotas na cidade e hai oito anos situábanse por enriba das 200, segundo explica o edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes.
Ademais, conseguiuse que as gaivotas patiamarelas foran pouco a pouco desprazando os seus niños desde a zona vella, que era o seu lugar predilecto e no que estaban condensadas, cara a outros puntos de Benito Corbal, Loureiro Crespo e A Parda.
No que se refire á campaña de control de pombas, estase a centrar nas contornas da Ferrería e a Praza de España, zonas nas que se asentan un bo número de locais de hostalería con terrazas e, polo tanto, onde se detectan máis problemas.
Ata o pasado 26 de agosto, capturáronse unhas 238 pombas mediante a instalación de gaiolas.
O número de pombas tamén se estabilizou e o censo sitúase nuns 150 exemplares na Ferrería.
Os exemplares de pomba capturados son trasladados a un centro especializado para a súa solta en zonas nas que existan depredadores naturais, sendo sacrificadas aquelas que estean enfermas e que, polo tanto, supoñan un risco para a salubridade e a saúde.
En base ao regulamento da Xunta de Galicia, os polos de gaivota retirados deben devolverse aos seus hábitats naturais en espazos costeiros como é o caso do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Relacionadas:
-
A voracidade de pombas e gaivotas provoca ata 1.000 euros de gasto ao mes en vaixela á hostalería de Pontevedra
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Retómase o control de pombas e gaivotas no casco urbano de Marín
Por Redacción |
-
Otea e Mora, as aguias de Harris encargadas de evitar a entrada de pombas no Mercado
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Marín retomará en maio o control de pombas e gaivotas
Por Redacción |
-
Marín retira 100 niños de gaivota e limita a 300 exemplares a poboación de pombas
Por Redacción |
-
E que comen agora as pombas e gaivotas de cidade?
Por Manu Otero |