Unha empresa externa vixiará que o Concello cumpra a normativa de protección de datos persoais
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou este luns a contratación externa dun delegado de protección de datos para que se encargue da supervisión e monitoraxe do cumprimento da normativa neste ámbito.
Podería designarse a un empregado público do persoal municipal, pero no goberno local "optamos por unha asistencia técnica para ter o servizo máis controlado, ou dito doutro xeito, para descargar de traballo aos funcionarios e funcionarias", segundo explicou a concelleira Anabel Gulías.
O servizo contrátase por dous anos por 43.445 euros (IVE engadido), coa posibilidade de prórroga por tres anos máis.
Os concellos prestan unha serie de servizos públicos, para os cales tratan datos de carácter persoal dos seus cidadáns. Cuestións como a xestión do padrón municipal de habitantes, subvencións e axudas, sancións, obras e licenzas, policía local, xestión de tributos, bolsas de traballo, recadación executiva, rexistro de documentos, cemiterio municipal, recursos humanos, biblioteca municipal, servizos sociais, educación infantil, xestión económica, entre outros moitos asuntos.
O delegado de protección de datos persoais ten que vixiar que se cumpra a normativa neste ámbito e é necesario que teña coñecementos xurídicos e de informática. O regulamento permite se esta figura obrigatoria poida ser externa ou interna e persoa física ou xurídica, non se fai discriminación neste aspecto.
Pero de ser un servizo externo sería unha garantía extra de independencia para as funcións de supervisión. E de ser interno, sería un órgano de control por exemplo, a intervención municipal.