Pontevedra non cambiará de criterio para dedicar rúas aos seus ex alcaldes
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra manterá o actual criterio para poñer nome ás rúas da cidade. O Partido Popular presentará ao próximo pleno unha proposta para que a cidade recoñeza a traxectoria dos seus tres exgalcaldes da democracia e honre coa concesión de tres rúas co nome de José Rivas Fontán, Javier Cobián e Juan Luís Pedrosa.
Desde o ano 2002, o criterio do Goberno local, da man do BNG, primou a toponimia tradicional. No ano 2015, da man do anterior concelleiro de Patrimonio Cultural e Memoria Histórica, Luís Bará, na Boa Vila trátase de corrixir a marxinación histórica das mulleres no rueiro.
"Éunha cuestión de xustiza", sinalaba este luns a portavoz do goberno local, Anabel Gulías.
Así, a cidade xa presume do parque Amalia Álvarez, a avenida Josefina Arruti, a avenida María Victoria Moreno ou rúa Virxinia Pereira, e aínda quedan pendentes máis de vinte mulleres, que nomearán en principio novas vías, segundo o acordo aprobado polo pleno.
Anabel Gulías lembrou que este acordo plenario "debe ser respectado porque se facemos cambios arbitrariamente pois hoxe será isto, mañá o outro e dentro duns anos atoparémonos reivindicando unha rúa para o Borbón novo".
As seguintes vías urbanas que estree a cidade do Lérez no futuro levarán o nome da pioneira da aviación Elisa Patiño, da curandeira perseguida pola Inquisición no século XVI Vasquida García ou de Dolores Calviño, popularmente coñecida como a Señora Lola.
Por tanto, descartados quedan os nomes dos ex alcaldes. "Mantemos o criterio mesmo aínda que o alcalde Lores merecese unha rúa, unha praza ou o nome dun edificio", dixo Anabel Gulías.
Relacionadas:
-
Pontevedra non dedicará rúas a José Rivas Fontán, Francisco Cobián e Juan Luis Pedrosa
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
2 marzo e 11 de xullo, festivos locais en Pontevedra en 2022
Por Alejandro Espiño |
-
Proposta do PP para que as rúas de Pontevedra leven o nome de ex alcaldes da democracia
Por Redacción |