O campus de Pontevedra roza a "presencialidade total" no inicio do novo curso
Por Redacción
Este luns botou a andar un novo ano académico na Universidade de Vigo que será eminentemente presencial.
A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte recibiu ao novo alumnado do campus de Pontevedra nun acto no que participaron o vicerreitor, Jorge Soto, o decano Óscar García e a profesora Marta Pérez.
"Poremos todos os medios para que saiades aquí como os mellores profesionais posibles e como cidadáns e cidadás capaces de mellorar a sociedade", trasladoulles o vicerreitor Jorge Soto.
Pola súa banda, o rector, Manuel Reigosa, salientou que "aínda que sexa en pandemia, vai a ser un curso bastante máis normal co anterior, xa que agás un par de titulacións que polas súas características específicas aínda van funcionar de xeito mixto, na inmensa maioría das titulacións o grao de presencialidade achegarase nesta ocasión ao 100%".
Este é o modelo que a Reitoría denominou "normalidade adaptada", aprobado en consello de goberno o pasado mes de xullo, unha aposta coa que se busca que o sistema mixto ou non presencial quede reservado para situacións puntuais ou casos localizados de curta duración, derivadas de restricións locais ou por gromos nalgunha dependencia universitaria.
"En certa maneira será de novo un curso atípico, porque seguimos con medidas de seguridade, xa que non imos relaxar este aspecto en ningún momento, pero que se afronta con moita máis tranquilidade grazas ao avance da vacinación", recalcou o reitor.
Así, unha das poucas excepcións á presencialidade total son os grupos teóricos dos graos da Facultade de Ciencias da Educación así como no Mestrado en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas.
As medidas anti-covid que se adoptan nos tres campus atenden ás limitacións fixadas pola Xunta de Galicia, e ás normas sanitarias, establecéndose ocupacións do 50% para bancadas fixas e 1,2 metros para mobiliario non fixo.
BOAS EXPECTATIVAS DE MATRICULACIÓN
Respecto ás cifras de matriculación que se están a rexistrar este curso, sen ben se trata de datos que aínda non están pechados –quedan pendentes varios prazos de matrícula- o reitor amosouse "moi satisfeito" cos resultados acadados.
"De novo imos superar o 100% das prazas, é dicir, entraron en primeiro máis estudantes que prazas puxemos en marcha", recalcou o Reigosa.
O vicerreitor Jorge Soto.Ademais de incidir na "fantástica acollida" que a oferta formativa do campus de Pontevedra está a recibir en termos de matrícula, puxo en valor o "compromiso" dun campus "moi activo, sostible e verde", recoñecido coa bandeira verde do programa Green Campus.
Un campus, lembrou, que este curso sumará ás actuais instalacións as plantas das que disporá no edificio administrativo de Benito Corbal e a nova sala neuromusculación de Ciencias da Educación e do Deporte, que "atópase xa en fase de licitación".
Relacionadas:
-
O regreso do alumnado ao campus será presencial para as clases e exames
Por Redacción |
-
A Universidade quere construír de en Tafisa un edificio propio para as titulacións de Deseño e Xestión Pública
Por Oskar Viéitez |
-
Inauguran o novo colexio do Revel, que terá capacidade para 450 alumnos
Por Oskar Viéitez |
-
O Programa para Maiores da Universidade de Vigo presenta unha nova estrutura académica
Por Redacción |
-
A Universidade de Vigo comezará o vindeiro curso con clases presenciais na súa totalidade
Por Redacción |