O curso escolar comeza en Galicia con 9.000 estudantes menos que hai dous anos
Por Redacción
O xoves 9 de setembro comezarán en Galicia as clases nos ciclos de Infantil, Primaria e Educación Especial para 187.624 alumnos, o que supón 9.180 menos ca no curso 2019/20. Só en centros públicos o alumnado descende en case 6.000 escolares respecto do último curso antes da pandemia. Respecto do curso 2020/21 a diminución é de 4.832 escolares, 3.363 deles en centros públicos.
Malia ao descenso de alumnado, desde a Xunta de Galicia aseguran que se manteñen as plantillas de profesorado por riba das que había no curso 2019/20, atendendo as necesidades xeradas a partir da pandemia da covid-19. Nestas etapas as medidas sanitarias mantéñense invariables respecto das do curso pasado, con grupos burbulla sen distancia de seguridade.
Segundo estimacións da Xunta de Galicia, 55.698 alumnos comezan este ano nas aulas de Educación Infantil, o que supón 3.829 menos ca no curso 2019/20. Respecto do curso 2020/21 a diferenza é de 2.356 escolares menos.
Por outra banda, as mesmas previsións que manexa a Consellería indican que 130.774 alumnos tamén comezan o vindeiro xoves as clases de Educación Primaria en Galicia, o que supón 5.392 menos ca no curso 2019/20. Sobre o curso 2020/21 a diferenza é de 2.482 escolares menos.
No que atinxe á Educación Especial, o número estimado de matriculados para este curso é de 1.152 alumnos, 41 máis ca hai dous cursos. Respecto do curso 2020/21 a diferenza é de seis escolares máis.
Por municipios, Pontevedra presenta unha matriculación de 102 escolares en Educación Especial, 2.103, en Educación Infantil; y 5.282, en Primaria. Unhas cifras inferiores presenta Vilagarcía (63 en Educación Especial, 830 en Infantil e 1.912 en Primaria), Sanxenxo (5 en Especial, 384 en Infantil e 875 en Primaria), Poio (1 en Especial, 299 en Infantil e 795 en Primaria), Ponte Caldelas (107 en Infantil e 253 en Primaria), Marín (447 en Infantil e 1121 en Primaria), Caldas (1 en Especial, 239 en Infantil e 554 en Primaria), Cambados (305 en Infantil e 746 en Primaria) ou O Grove (204 en Infantil e 498 en Primaria).
O mesmo día do comezo de curso escolar empezarán a funcionar os servizos de transporte e os de comedor xestionados pola Consellería.
Este ano, a falta de que se pechen as últimas autorizacións, o número estimado de prazas de comedor escolar será de 78.713 (1.653 máis ca no 20/21), das cales 16.658 serían xestionadas por ANPAS ou Concellos. En total, o departamento educativo da Xunta xestiona 417 comedores, deles 281 de forma directa e 136 de forma indirecta. Pola súa banda, as ANPAS son responsables de 203 comedores e os concellos de 51.
No que atinxe ao transporte, prestarase servizo a 85.531 alumnas e alumnos de 773 centros públicos. Ademais, darase cobertura de transporte a 363 alumnos de centros de Educación Especial que non son públicos a través de convenios con 17 entidades, cun orzamento de máis dun millón de euros.
Relacionadas:
-
O CIM de Sanxenxo leva aos centros educativos un concurso de Tik Tok contra a violencia machista
Por Redacción |
-
Seguridade sanitaria e actividade docente presencial marcan o inicio do curso de 9.500 alumnos de secundaria
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
María Ramallo visita os centros escolares de Marín para mostrar o seu apoio no inicio do novo curso
Por Redacción |
-
Barro renova o convenio coa ANPA do colexio Amor Ruibal para financiar o comedor escolar
Por Redacción |
-
A Concellería de Educación manterá o reforzo dos labores de desinfección nos centros escolares
Por Redacción |
-
Inauguran o novo colexio do Revel, que terá capacidade para 450 alumnos
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra pregunta á Xunta quen asume a limpeza e desinfección dos colexios durante este curso
Por Oskar Viéitez |
-
Empeza a inmunización dos escolares: preto de 6.000 de 12 e 13 anos vacinaranse este luns
Por Natalia Puga |