O Carlos Oroza está en 'boa vila': dá de beber (e comer) a quen pasa
- Crema de caldo galego
- Lomo de raia en caldeirada
- Carrilleira de porco estofada con cogomelos, puré de patata, puré de castañas e atadiño de trigueiros con beicon
E todo iso sen contar cos aperitivos nin as sobremesas. Podería ser perfectamente o menú dunha voda ou dun evento da alta sociedade. Nada máis lonxe da realidade. Era unha comida moi especial. Trátase da oferta gastronómica que se serviu na reapertura do restaurante Álvaro Cunqueiro, a aula obradoiro na que realizan a súa formación os alumnos do Centro Integral de Formación Profesional Carlos Oroza.
Logo dunhas tres semanas de formación, para moitos deles era o seu primeiro servizo. Neste caso, na súa maioría os comensais eran alumnos franceses do instituto Irene Juliot-Curie de Fontenilles (Toulouse) que están participando nun intercambio co IES Eusebio da Guarda da Coruña, de visita en Pontevedra. Pero pronto poderá ser calquera. A partir desta reapertura, o restaurante do Carlos Oroza está xa aberto a todos os pontevedreses.
Para comer neste restaurante 'experimental' é necesaria reserva previa a través do teléfono 986 84 70 02. Os alumnos, que son supervisados en todo momento por profesores do centro, prometen unha experiencia gastronómica inesquecible. O ambiente é insuperable e os produtos ofertados, na súa maioría de procedencia galega, son de primeira calidade. E o prezo, tan só oito euros por persoa.
Ao restaurante é obrigado entrar entre as 14.00 e as 14.30 horas. Non se pode acceder pasado ese tempo, xa que repercutiría no horario do alumnado e do profesorado, que ten a súa saída ás 16.00 horas. Os comensais, que gozarán co menú que ese día coincida co temario, serán unha especie de actores nunha clase na que o protagonismo é dos alumnos. Todo ten que ver coa súa aprendizaxe.
Ademais deste restaurante, que está aberto de luns a venres, o Carlos Oroza organizará ao longo do curso unha serie de xornadas gastronómicas especiais como a semana que estará dedicada ás comidas típicas de cada comunidade autónoma española ou degustacións especiais de certos produtos como cogumelos, lamprea ou os tradicionais menús de Nadal.
A XUNTA PRESUME DE CENTRO
Na reapertura do restaurante do Carlos Oroza tamén estivo, entre outras autoridades, o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, que destacou o traballo realizado por este centro de FP que, xunto co da Xunqueira, "permitiron aumentar dende 2011 un 21% máis de prazas de FP na capital da provincia". Ofértanse, recordou, 11 ciclos, ao que hai que sumar un proxecto de FP Dual, "o primeiro relacionado coa hostalería de Galicia".
Neste sentido, lamentou que desde o Concello de Pontevedra "non se interpretara de xeito correcto a realidade dos datos de solicitudes e oferta na Formación Profesional". Fronte ás case 1.000 persoas que o concelleiro de Educación aseguraba que optaron ás 245 prazas dispoñibles no centro "non estaba a ter en conta que non estaba a falar de solicitudes en primeira opción".
César Pérez Ares explicou que cada solicitante pode presentar ata oito opcións "e así o fan a maioría para conseguir unha praza". E denunciou que o goberno municipal contabilizou como solicitante a todos eles, "independentemente de que puxeran o Carlos Oroza como primeira ou como oitava opción". Como principal preferencia, informou, houbo 373 solicitantes para as 245 prazas ofertadas e só se adxudicaron 208.
Os ciclos máis demandados no Carlos Oroza son o ciclo medio de Cociña e Gastronomía, con 152 solicitudes como primeira opción (adxudicándose 44) e o ciclo superior de Dirección de cociña, con 56 solicitudes en primeira opción, das que se atenderon 22.
Relacionadas:
-
Os alumnos do Carlos Oroza "quentan motores" para servir un buffet aos Reis
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Educación avanza na ampliación do Carlos Oroza fronte á construcción dun novo centro e "estase traballando xa cos planos"
Por Natalia Puga |
-
Agustín Fernández acusa a Educación de crear "confusión" sobre o futuro do Carlos Oroza
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Unha visita moi especial na Escola de Hostalería o propio Carlos Oroza
Por Redacción |
-
As carencias do Carlos Oroza deixan fora, segundo o Concello, uns 700 estudantes
Por Redacción |
-
O Concello intentará que a Xunta cumpra a súa promesa e constrúa o novo centro do Carlos Oroza
Por Redacción |