Voluntarios retiran máis dunha tonelada de unlla de gato na zona grovense de Rons
Por Redacción
O Concello do Grove coopera na terceira edición do campo de voluntariado "A terra que habita no mar", organizado pola Consellería de Política Social dentro do programa xuvenil "O verán que necesitas".
A actividade arrancou o día 1 deste mes de setembro e prolongarase ata o domingo 12 no Cámping Fieitás.
Igual que os anos anteriores, a temática é medioambiental e trata de poñer en valor o municipio do Grove a través de traballos de limpeza e extracción de especies vexetais invasoras, como a unlla de gato ou a margarida africana, da recuperación de estruturas de observación ornitolóxica e do deseño e colocación de carteis interpretativos nas diferentes zonas de actuación en que se desenvolva o campo.
Nesta primeira semana de traballo xa se retirou máis dunha tonelada de unlla de gato da zona de Rons, ademais da recuperación de parte da contorna da Aldea Grovit.
A procedencia das persoas participantes é variada. Catro de orixe galega, unha do País Vasco, unha de Ávila, unha de Navarra e outra que vén desde Zaragoza.
Orixinariamente o ámbito sempre foi internacional, pero debido ás medidas derivadas da crise sanitaria da covid-19, este ano mudou a nacional. Neste sentido, cómpre lembrar que en 2020 restrinxírase a participación a persoas só de Galicia.
O número de participantes tamén se viu reducido por mor destas medidas, polo cal nesta edición o grupo está composto por só oito voluntarios de entre 18 e 30 anos.
As persoas integrantes deste campo de voluntariado serán compensadas parcialmente polo seu esforzo con aloxamento e manutención no Cámping Fieitás e con actividades turísticas, culturais, lúdicas e deportivas ofertadas por esta empresa e polo Concello do Grove, como a visita ao Museo da Salga en Moreiras, asistir ao funcionamento de Amegro, coñecer as instalacións da batería militar, dar un paseo en turitrén ou visitar a illa de Ons, entre outras.
Relacionadas:
-
Realizan unha batida na praia de Con Negro dentro da iniciativa '1m2 contra a basuraleza'
Por Redacción |
-
A provincia acollerá 20 campamentos e campos de voluntariado da Campaña Xuvenil de Verán 2021 da Xunta
Por Redacción |
-
Un campo de voluntariado pon en valor os espazos naturais de protección de aves no Grove
Por Redacción |