Rescatan unha muller dun piso que ardeu de madrugada en Vilagarcía
Por Redacción
Unha muller de 58 anos foi rescatada esta madrugada polos servizos de emerxencia tras declararse un incendio no seu piso da avenida Agustín Romero, en Vilagarcía.
A rápida actuación das autoridades logrou que o sinistro, que se rexistrou sobre as tres da madrugada, só provocase danos materiais, xa que puideron sacar á vítima do domicilio e, tras practicarlle os primeiros auxilios, foi trasladada ao Hospital do Salnés.
O lume concentrouse na terceira planta do edificio, habitada unicamente por esta muller que, segundo explican desde o servizo municipal de emerxencias, vivía soa.
Ao subir, os efectivos deste operativo de rescate atoparon á muller semi inconsciente na entrada do piso. Presentaba síntomas de asfixia por inhalación de fume.
Como o incendio aínda non estaba moi avanzado, os labores de extinción por parte dos Bombeiros finalizaron pronto, constatando que había varios focos dispersos pola vivenda.
Por mor deste achado, a Policía Xudicial xa investiga as causas polas que se produciu este incendio.
O edificio afectado, no que residían outras persoas, foi desaloxado mentres se realizaron os traballos de extinción e, unha vez comprobado que non existía risco no resto dos pisos, os veciños puideron regresar as súas vivendas.
Os danos materiais rexistrados concéntranse exclusivamente no piso incendiado e no tiro da escaleira, que quedou cuberto da feluxe deixada polo fume.