Os centros de vacinación masiva abrirán este sábado sen cita previa para maiores de 12 anos
Por Oskar Viéitez
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que este sábado abrirán os centros de vacinación masiva sen cita previa para que todo aquel que queira poida acudir a recibir a súa primeira dose.
Ademais, con motivo do comezo do curso universitario, os días 13 e 14 de setembro habilitaranse puntos de vacinación nos sete campus dispoñibles para todo o persoal do campus universitario, tamén sen cita previa.
O obxectivo da Xunta é que o 19 de setembro estean vacinados todos os maiores de 12 anos, con excepción das repescas.
A día de hoxe, o 92,5% da poboación diana teñen polo menos unha dose e o 85,8% ten a pauta completa. Isto sitúa a Galicia como a segunda comunidade cos mellores datos, tanto en primeira dose como en pauta completa. Fronte ao 89% de vacinas dispensadas en España, Galicia puxo o 97% das doses recibidas.
Feijóo destacou que Galicia atópase nunha "situación de tranquilidade dentro do que é estar nunha pandemia".
A boa evolución da situación sanitaria tamén se aprecia en que a ocupación hospitalaria descende paulatinamente, aínda que este indicador tarda máis que outros. Galicia é das comunidades con menor ocupación tanto en UCI como en planta.
A taxa de positividade, que chegou a triplicar o 5%, atópase xa por baixo desta cifra, se se computan PCR e test de antíxenos. Ademais a incidencia acumulada en todas as áreas sanitarias está por baixo de 300 e 100 casos por cen mil habitantes a 7 e 14 días.
A área de Pontevedra e O Salnés ten menos de 50 de incidencia acumulada.
Relacionadas:
-
Os casos activos de covid seguen á baixa na área sanitaria con 240 e oito persoas hospitalizadas
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
O aforo de Pasarón poderá ocuparse ao 60%
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta e hostaleiros pechan un acordo de apertura estable do sector
Por Redacción | Creada e actualizada