Os roubos en pisos de Pontevedra empañan un verán "moi tranquilo" na provincia
Por Oskar Viéitez
Os principais responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado expuxeron este mércores na reunión da Xunta Provincial de Seguridade os datos dos actos delictuosos rexistradas na provincia do 1 de xuño ao 31 de agosto que evidencian un descenso do 1% nas infraccións penais se os comparamos co mesmo período do ano anterior.
A sudeblegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba sinalou que "en liñas xerais, o verán foi moi tranquilo no que respecta á delincuencia", aínda que se rexistraron episodios dalgúns roubos en domicilios en Pontevedra e Vigo "que sempre xeran moita intranquilidade entre a cidadanía".
A subdelegada indicou que os delitos contra o patrimonio, é dicir os roubos e furtos en domicilios e establecementos, "rexistran unha tendencia á baixa no verán" con descensos superiores ao 10%. Os roubos con violencia descenderon na provincia un 29%, os roubos en establecementos un 25%, as subtraccións en vehículos un 42%.
Con todo o que preocupa aos responsables provinciais é o gran aumento de denuncias por estafas leves en Internet. Na provincia este tipo de delitos creceu por enriba do 20% e xa representan na demarcación da Garda Civil o 30% das denuncias presentadas no acumulado anual.
A subdelegada analizou tamén xunto aos mandos policiais o efecto das restricións na hostalería e no ocio nocturno decretadas por mor da Covid-19, que xeraron un efecto de concentración de persoas nos horarios de peche.
Larriba sinalou que "se afrontaron dentro das posibilidades das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e sempre dentro do efecto da proporcionalidade para evitar enfrontamentos e danos maiores".
Por último, a subdelegada anunciou que a Oficina Móbil do Peregrino vai estender a súa operatividade durante todo o mes de setembro dado a súa gran acollida. A Garda Civil puxo en marcha este servizo durante os meses de xullo e agosto no trazado do Camiño de Santiago que atravesa a provincia. A maior actividade realizada por estes axentes foi a de asesoramento e información, recollendo apenas algunha pequena denuncia de perda de documentación.
PONTEVEDRA, MARÍN E VILAGARCÍA
Atendendo aos datos por localidades proporcionados pola Policía, en Marín constátase un descenso dos furtos leves do 32%. En Vilagarcía de Arousa descenden todos os delitos, destacando as baixadas rexistradas nos roubos con violencia (-16%), os roubos con forza (-17%), e nos delitos contra o patrimonio (-5%).
Na cidade de Pontevedra, aínda que o índice de infraccións penais aumenta nun 1,6%, debido, en gran parte, ás estafas por Internet, a subtracción en vehículos descende un 50%, os roubos con violencia un 16%, os roubos en establecementos un 14% e os furtos un 19%.
Relacionadas:
-
Maica Larriba, tres anos de traballo para que "a voz da cidadanía entrase na Subdelegación"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
As forzas de seguridade reforzarán os efectivos ante o previsible aumento de visitantes nos concellos
Por Redacción |
-
Os 'linces', o grupo policial que lle toma o pulso á delincuencia na cidade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |