Tres proxectos de Pontevedra, finalistas aos premios dos arquitectos galegos
Por Redacción
O Colexio de Arquitectos de Galicia deu a coñecer as obras finalistas da XIX edición dos Premios COAG de Arquitectura, que contou coa candidatura de 197 propostas executadas e finalizadas no ámbito territorial da entidade entre 1 de agosto do 2018 e o 30 de setembro do 2020.
O xurado seleccionou seis obras na categoría de vivenda unifamiliar, dos obras en vivenda colectiva, cinco en outros edificios de nova planta, seis en obras de restauración e rehabilitación, catro en obras de interiorismo, tres en arquitecturas efémeras e deseño, tres en deseño de espazos urbanos, xardinería e paisaxismo, catro en divulgación e investigación, e cinco en proxecto fin de carreira.
O premio á traxectoria profesional farase público nos próximos días.
Entre os proxectos nominados atópase un edificio de 31 vivendas construido na Rúa Estrada de Pontevedra, o campo de fútbol de Campañó e a reforma do local para a sede do Colexio de Veterinarios de Pontevedra, no número 4 do Camiño Vello de Castela.
Os membros do xurado foron a decana do Colexio de Arquitectos de Galicia, Elena Ampudia, que actuou como presidenta; como vogais, a arquitecta e vicepresidenta da Ordem de Arquitectos de Portugal, Paula Santos; o arquitecto Antonio Ortiz, con traxectoria de obra construída significativa e docente da ETSA de Sevilla; a arquitecta e responsable da Comisión de Cultura do COAG, Emma Noriega; a arquitecta Ana Couto, responsable da Comisión de Urbanismo e Territorio do COAG; e a arquitecta e secretaria da Xunta de Goberno do Colexio, Elvira Carregado, que exerceu de secretaria.
O xurado seleccionou estas trinta e oito obras pola súa gran calidade, a súa adaptación ao territorio natural e construído, a minuciosidade na recuperación do patrimonio construído, a súa innovación no uso de materiais, a súa versatilidade e o traballo de investigación e divulgación realizado para que Galicia sexa un referente no panorama arquitectónico.
Para facer públicos os nomes dos gañadores destes prestixiosos galardóns da arquitectura galega máis destacada do momento, o Colexio de Arquitectos de Galicia celebrará unha gala o 25 de setembro pola tarde no Pazo de Baión en Vilanova de Arousa.
Relacionadas:
-
A arquitectura galega distingue a traxectoria profesional de César Portela
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Pazo Baión acollerá a entrega de premios do Colexio de Arquitectos de Galicia
Por Redacción |
-
Teresa Táboas, seleccionada para integrar o Consello da Unión Internacional de Arquitectos
Por Redacción |
-
O Colexio de Arquitectos entra na polémica da casa de Lores e lembra que a licenza de primeira ocupación é "obrigatoria"
Por Redacción |