Os locais de Bueu servirán tapas con títulos de películas coincidindo co FICBUEU
Por Redacción
O Concello de Bueu organiza, en colaboración co FICBUEU e a asociación de hostalería da vila, a VI Ruta das Tapas Cinco Estrelas, que se vai desenvolver entre o 10 e o 19 de setembro.
A iniciativa naceu hai seis anos co obxectivo de unir o cinema coa gastronomía durante a semana do festival, de aí que todos os pratos leven o nome dunha película, explicou Silvia Carballo, a concelleira de Promoción Económica e Turismo durante a presentación da iniciativa, na que estivo acompañada de Nerea Lores, representante do FICBUEU, e de Manuel Agulla, presidente da asociación de hostalaría.
Carballo apuntou que "estamos encantados de realizar esta sinerxía co festival para que sigamos a gozar da nosa gastronomía".
En total participarán trece locais hostaleiros que ofrecerán os seus petiscos gastronómicos a un prezo de 2,50 euros. Poderán degustarse as tapas tanto ao mediodía como pola noite en Buena Vibra, Casa Quintela, Secretos del Mar, A Cepa, O Farol, Casa Benito, A Esmorga, Noite Tapas, Pyramis, Volver, Centro Social do Mar e O Ratiño Pequeno.
Manuel Agulla, en representación do sector hostaleiro, destacou que "esta ruta consegue espertar o interese e a curiosidade". Pola súa banda, Nerea Lores, do FICBUEU, fixo fincapé na participación do público do festival que "está moi atento á relación entre o cinema e a gastronomía".
Ademais de gozar da gastronomía local, a clientela terá a posibilidade de gañar un dos tres vales de 50 euros para consumir na hostalaría.
As persoas que desexen participar neste sorteo deberán completar o selado das cinco estrelas do cupón, ao ir degustando as diferentes propostas, e entregalo no despacho de billetes do festival.
Toda a información sobre os locais participantes, os horarios e as tapas, poderase consultar no web https://concellodebueu.gal/ruta-das-tapas-2021.
Relacionadas:
-
O 13 que trouxo a sorte e 105.000 euros a Marín
Por Redacción |
-
O FICBueu presenta en Pontevedra o segundo dos seus Cadernos
Por Redacción |
-
Bueu conclúe as súas freguifestas cunha fin de semana festiva na Banda do Río
Por Redacción |
-
O festival de curtas, con dez días de proxeccións e actividades, volve situar en Bueu o epicentro da sétima arte
Por Redacción |
-
As entradas para o FICBueu xa están á venda
Por Redacción |
-
O FICBUEU 2021 avanza os contidos dunha programación que mira para Canadá
Por Redacción |