Os arquitectos destacan en Pamplona o "sentido común" do deseño urbano de Pontevedra
Por Redacción
Pontevedra foi un dos exemplos de deseño urbano analizados este mércores en Pamplona, sede do foro La ciudad que queremos, organizado pola Fundación Arquitectura y Sociedad.
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores foi o encargado de representar á cidade e interveu facendo repaso dos logros dos pontevedreses para crear unha cidade de dimensión humana.
Dentro da súa intervención, Fernández Lores detallou os elementos máis importantes que definen o modelo urbano de Pontevedra e resumiu as medidas adoptadas para transformar a cidade nun espazo amable e accesible ou para restrinxir o tráfico de motor.
Ao remate, e de xeito improvisado, o alcalde participou nun diálogo xunto ao recoñecido arquitecto Francisco Mangado e ao ex director de ONU Habitat, Joan Clos.
Mangado, autor do pavillón de España na Expo de Zaragoza e de proxectos urbanos como o Museo Arqueolóxico de Vitoria, o Museo de Belas Artes de Oviedo ou o Palacio de Congresos de Palma, destacou que en Pontevedra "todo está hecho desde el sentido común".
Joan Clos, pola súa banda, advertiu aos asistentes que as solucións técnicas achegadas para os espazos públicos de Pontevedra "están muy pensadas y no son nada sencillas".
Ademais da súa intervención no congreso, o alcalde atendeu á propia fundación que colgará unha entrevista súa no web, así como a outros medios estatais como El País ou Diario de Navarra, interesados no modelo urbano de Pontevedra.