Regina, a limpadora que adoza datas sinaladas aos máis pequenos
Por Marisa Ciordia
Regina Tomé Ramos é como unha Raíña Maga para os nenos dos edificios onde traballa no sector da limpeza. É pontevedresa, de Bora e traballadora autónoma. Esta semana con motivo do inicio do curso escolar encargouse de adozar a volta ás aulas a uns cuantos escolares, e tamén a recado, a uns cuantos adultos.
Dentro dos portais de inmobles da Parda, Avenida María Vitoria Moreno ou Campolongo, estes pasados mércores e xoves deixou uns cartelitos xunto a uns tarros con caramelos nos que dicía: "Comunidade de ... hoxe deixo estes caramelos a todos os nenos e nenas do edificio (e aos non tan nenos tamén) para que mañá empecen o cole con moitas ganas de estudar e pasalo ben. Bo comezo de clases!!!. Limpezas Regina".
Os beneficiarios da misiva e os doces deixáronlle os seus agradecementos debuxados ou escritos - que sempre garda - e tamén llos transmitiron persoalmente: "é unha marabilla, alégrache a mañá, a tarde ou o momento en que cho atopas" dicía unha das veciñas, nai dun neno e unha nena.
E é que non é a primeira vez que Regina ten detalles entrañables como este. Durante as semanas do confinamento derivado da covid-19, nas cales tivo que seguir traballando, tamén deixou as súas mensaxes enviando ánimo e forza aos residentes.
En Nadal, deixou cestas coa súa felicitación e doces "gústanme moito os nenos e tamén estar a gusto coas persoas coas que traballo" cóntanos esta muller que trata de achegar algo positivo á vida de quen lle rodea. "Son cousas que levo facendo hai anos, compénsame persoalmente e seguireino facendo" afirma Regina, que nos conta que tamén é avoa e goza cos seus netos.