Así será a xornada de vacinación libre para os maiores de 12 anos en Pontevedra e Vilagarcía
Por Oskar Viéitez
A previsión de vacinación poboacional contra a Covid-19 na área sanitaria de Pontevedra-O Salnes para este sábado 10 de setembro no Recinto feiral de Pontevedra é de 2.700 ocos de autocita en quenda de mañá e tarde, para maiores de 12 anos. De 9 a 14.30 e de 16.00 a 21.30 horas.
Segundo a información oficial, ás dúas da tarde unhas 364 persoas xa tiñan autocita obtida a través da páxina web do SERGAS, da App SERGAS MÓBIL, ou do teléfono 981215930.
No caso de Fexdega, en Vilagarcía de Arousa, hai 717 ocos de autocita en quenda de mañá e tarde, para maiores de 12 anos, dos que ata esa mesma hora 70 xa tiñan a cita.
Así mesmo, este sábado no Recinto feiral de Pontevedra e en Vilagarcía haberá xornada de vacinación libre en quenda de mañá e tarde para maiores de 12 anos que non estean aínda vacinados nin teñan cita para vacinación.
Será imprescindible ao acudir aos recintos ter cumpridos os 12 anos e ir correctamente identificados.
A supervisora de enfermería da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Ana García Fernández, explicou este venres que o obxectivo, no caso dos menores, é que poidan empezar o curso con polo menos unha dose posta.
"Ata o día de hoxe lévanse postas 460.041 vacinas, o que significa que o 92 % da poboación diana ten algunha dose administrada e o 85 % ten a pauta completa", señala García Fernández.
O luns e martes o ‘vacinódromo’ do Recinto Feiral atenderá ao campus de Pontevedra para que acodan alumnos, profesores e persoal universitario. "Se teñen primeiras dose postas noutra comunidade autónoma que traian a documentación para poder certificalo", indicou a responsable da área de enfermería.