A partir do martes 22 e durante 2 meses, a Ponte da Barca será só de entrada por obras en Poio
Por Redacción
O tramo da PO-308 entre Pontevedra e Sanxenxo quedará limitada ao tráfico entre o Casal de Ferreirós e a rotonda da Barca a partir do próximo martes 22. A empresa Acuaes inicia as obras de reparación da rede de subministración de auga na Avenida da Barca que terá só un carril en funcionamento en dirección á Ponte da Barca.
Esta decisión levou a que o alcalde de Poio, Luciano Sobral, mantivese unha reunión cos concelleiros de Pontevedra, César Mosquera e Carme da Silva, á que asistiron responsables de mobilidade da Policía Local. Para evitar que se produzan problemas de tráfico no ámbito da rotonda da Barca, vaise pechar ao tráfico a rúa Alfonso XIII e quedará só para servizos. O acceso farase a través de Echegaray. Ademais, a Ponte da Barca soa poderase empregar para que o tráfico entre na cidade pero se pecha o carril de saída. Segundo explicou o concelleiro de Infraestructuras, César Mosquera, "7 ou 10.000 vehículos indo cara a Andurique pola Barca colapsaría Pontevedra".
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, sinalou que A Caeira terá unha dirección única de suba, por Pernas Peña e Mato Calderón en dirección cara á estrada de Campañó. A rúa Antelo Mariño no Vao será de dobre sentido. Para os veciños da urbanización da Caeira para achegarse ata Pontevedra deberían baixar por Antelo Mariño cara ao polígono do Vao e dirixirse cara á rotonda dos Bombeiros e á Ponte das Correntes. Sobral indicou que haberá sinalizacións para evitar que o tráfico que se dirije cara a Poio, Combarro e Sanxenxo conflúa na Barca e tome a alternativa polo Vial Norte, a variante de Poio.
Tamén, o alcalde deste concello indicou que se vai sinalizar a rotonda da Porteliña en Pazo Besada para anunciar que a estrada está en obras "para que a xente que vaia cara Marín ou Vigo utilicen o acceso da autopista".
A parada de taxis, se non se producen cambios de última hora, manteríase no mesmo lugar fronte ao centro comercial da Barca.
Está previsto que as obras se prolonguen ata mediados de decembro.
Relacionadas:
-
Estudan que os cambios na circulación aplicados no contorno da Barca sexan definitivos
Por Alejandro Espiño |
-
Estrea sen grandes complicacións no corte de tráfico da Barca
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Mosquera acusa á Xunta de buscar intencionadamente un maior atasco na Ponte da Barca
Por Alejandro Espiño |
-
A Policía Local teme complicacións do tráfico polo corte do carril de saída da Ponte da Barca
Por Redacción |